Fiscalía cre que se vulneraron dereitos da veciñanza co ruído do Nadal en Vigo e pide "pór límites"

Equipo de Goberno da cidade de Vigo durante o encendido de luces do Nadal, o 15 de novembro de 2022. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Apunta que as medidas adoptadas polo Concello non foron eficaces e que debe prevalecer "o dereito ao descanso"

A Fiscalía adheriuse ao recurso de apelación interposto por unha veciña contra a sentenza de primeira instancia sobre os prexuízos dos ruídos ocasionados polas atraccións e actividades do Nadal en Vigo, e pide que se revogue dita sentenza, ao considerar que, efectivamente, vulneráronse os dereitos fundamentais da veciñanza, e as medidas adoptadas polo Concello para minorar esas molestias non foron eficaces.

O xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Vigo ditou sentenza a finais de xuño pasado desestimando a demanda dunha veciña por vulneración de dereitos fundamentais debido aos prexuízos derivados das actividades, música, e atraccións instaladas no centro da cidade no marco da campaña do Nadal promovida polo Concello.

A xuíza considerou nese momento que non se puido demostrar unha exposición continuada aos ruídos, e que o Concello actuou de forma dilixente, tomando medidas para reducir as molestias.

A demandante presentou recurso, e agora o Ministerio Público adheriuse a esa medida, compartindo os criterios da parte recorrente. Así, o Ministerio Público sinala que si houbo unha exposición continua aos ruídos, xa que as actividades do Nadal desenvolvéronse desde o 20 de novembro de 2022 ao 17 de xaneiro de 2023, e non se pode falar dunha celebración "puntual".

Por outra banda, e atendendo ás medicións de ruído achegadas, apuntou que as medidas adoptadas polo Concello para minorar as molestias non foron realmente eficaces. "Non cabe senón derivar que non se procedeu por parte do Concello á adopción de medidas precisas para a efectiva e real vixilancia, control e corrección dos ruídos que excedan dos límites tolerables", sinala a Fiscalía.

"Pór límites"

Neste contexto, considera "suficientemente acreditada a vulneración do dereito fundamental á intimidade e á inviolabilidade do domicilio". "Aínda que é indiscutíbel a transcendencia das festas do Nadal da cidade de Vigo, non é menos certo que o dereito para celebrar as mesmas non pode ser un obstáculo para que os tribunais recoñezan a prevalencia do dereito ao descanso, á tranquilidade, a gozar do domicilio, como lugar alleo ás inmisións molestas, fronte ao dereito ao lecer e ás súas distintas manifestacións", recolle a Fiscalía.

Así, matiza que "non se trata de acabar coas festas" pero si de "pórlles límites" para que prexudiquen o menos posíbel a terceiros, e dado que a contaminación acústica que xeran "non pode ser xustificada nin pola súa temporalidade, nin pola súa incardinación dentro dos múltiples festexos populares que se celebran en época do Nadal".

Neste caso, engade, "o interese particular non debe ceder ante o xeral", xa que as actividades programas nestas festas polo Concello "poden celebrarse sen causar á veciñanza do lugar outras molestias que as inevitábeis que deben soportar as relacións de veciñanza".

"O Fiscal non é imparcial"

Abel Caballero, alcalde de Vigo, pola súa parte, reiterou esta quinta feira, 31 de agosto, que existe unha sentenza favorábel ao Concello e que, aínda que respecta que exista a “posibilidade de recurso”, considera que a postura se manterá finalmente igual. Caballero restou importancia ao recurso presentado (ao que se adheriu o Ministerio Público) e matizou: "O Fiscal é de parte, o fiscal non é imparcial".

Ao ser preguntado polos xornalistas, Caballero recalcou que o Ministerio Público xa mantivo esta posición perante o xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo e que este resolveu cunha sentenza "absolutamente favorábel" ao Concello.

Cuestionado pola petición da Asociación de Veciños Zona Centro, que reclamou poder participar na comisión municipal creada para organizar os festexos do Nadal, Abel Caballero limitouse ha subliñar que "non hai unha asociación de veciños da zona centro", senón unha asociación que "non é asociación de veciños", e lembrou que, nas súas pretensións no xulgado, "perderon por goleada".

Na mesma liña pronunciouse o portavoz municipal, Carlos López Font, que, nun audio remitido aos medios, asegurou que o Goberno local traballa "de forma permanente" para "minorar os efectos" prexudiciais que poidan ter as actividades da campaña do Nadal, e que busca "mellorar todos os procedementos" para "evitar excesos" que resulten molestos á veciñanza.