Pontevedra

A Fiscalía abre unha investigación polo incendio na fábrica de Pontesa, no que morreu un traballador

Labores de extinción do incendio de Pontesa. (Foto: Europa Press)
O 'macroincendio' na antiga fábrica de Pontesa (Pontevedra), propiedade do Grupo Nogar, chega aos tribunais após abrir dilixencias a Fiscalía en relación con este suceso que se saldou coa morte do operario e concelleiro socialista en Marín Benito González.

Tres semanas estivo activo o incendio iniciado na tarde do pasado 6 de novembro nas instalacións da vella fábrica de Pontesa, en Ponte Sampaio (Pontevedra). Os traballos de extinción non foron doados, pois as chamas causaron inicialmente unha forte explosión que derrubou parte da cuberta, e dela desprendéronse partículas de amianto que contaminaron o recinto e dificultaron o labor dos bombeiros e a Policía.

Froito deste suceso resultaron feridos tres traballadores do Grupo Nogar -empresa que utilizaba a infraestrutura como centro loxístico, supostamente, en réxime de aluguer á inmobiliaria Itaipu Trade, que se fixera coa concesión dos terreos de Pontesa-, que realizaban labores de extinción. Un deles, Benito González, que tamén ostentaba o cargo de concelleiro do PSdeG en Marín, faleceu após sufrir graves queimaduras na práctica totalidade do seu corpo.

Se houbo algún tipo de neglixencia que desencadease a traxedia dilucidarao agora a Xustiza, pois esta terza feira a Fiscalía pontevedresa anunciou a apertura dunha investigación para esclarecer as causas, logo de que se fechase o atestado policial.

Sen licenza nin permisos

O que si se sabe é que a empresa, segundo o Goberno local, non tiña licenza municipal en vigor para o almacenamento de gran neste edificio, "nin para ningunha outra actuación", afirmou a Nós Diario a edil responsábel de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, un día despois do sinistro.

Tampouco se cumpría a normativa de seguridade, insistiron desde o Concello: "Había un risco para as persoas nesas instalacións, mesmo para a poboación en xeral. Era un polvorín. E puido ser peor porque afectou o teito, que tiña amianto", lamentara daquela o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

O Grupo Nogar respondeu a estas acusacións abrindo a súa propia investigación e defendendo que "a seguridade e a saúde laboral son prioritarias na política da compañía, que posúe para o desenvolvemento da súa actividade todos os permisos, protocolos de seguridade e prevención de riscos laborais precisos, incluídas medidas antincendios".

Mais a empresa, apuntou o Concello, carecía tamén de permisos para a almacenaxe na súa nave de Campañó, onde gardaba grandes cantidades de madeira de eucalipto no exterior e até 97.000 toneladas de gran —máis do dobre que en Pontesa— no interior do recinto, polo que ordenou a suspensión da súa actividade.

Críticas dos bombeiros

As críticas en relación ao sucedido na antiga fábrica de Pontesa e a posterior actuación, porén, chegaron tamén desde o equipo de Bombeiros de Pontevedra. Representantes sindicais de CIG, CCOO, UXT, CSIF, Afumpo e Sppme manifestaron a súa "indignación" co Goberno municipal por "ser incapaz" de facer autocrítica tras os 20 días que se tardou en extinguir o lume.

"O número de horas extra que por este operativo terán que tramitarse demostrará a insuficiencia do persoal existente. Todos os bombeiros asumiron unha gran carga de traballo e risco pola escaseza de persoal e a exposición a substancias tóxicas", denunciaron.