Arde en Pontevedra unha nave anexa á histórica fábrica de cerámica Pontesa

Fume a saír da nave anexa á fábrica de cerámica Pontesa (Foto: Emilio Luna).
Segundo indican os equipos de emerxencias, unha faísca puido ter sido a causa do incendio. 

Na tarde deste domingo rexistrouse un incendio nunha nave anexa á histórica fábrica de cerámica Pontesa.

Á fábrica, localizada en Ponte Sampaio, parroquia do concello de Pontevedra, achegáronse tamén bombeiros de Soutomaior para axudar nos labores de extinción. O incendio provocou que a Xunta da Galiza declarase o Plan Territorial de Emerxencias, Platerga. Segundo o 112, con este plan "garántese a coordinación entre os organismos mobilizados para facer fronte á situación de risco".

Os equipos de emerxencia avalían a situación (Foto: Emilio Luna).

Se ben o fume que emite o incendio pode facer parecer que se trata dun fogo de grandes dimensións, os equipos de emerxencias confirmaron que "non e grave".

Con todo, aseguran que se trata dun incendio "difícil de apagar" dada a propia natureza das chamas.

Posíbel comezo do fogo

Segundo indican os equipos de emerxencias, unha faísca puido ter sido a causa do incendio. 

Columna de fume (Foto: Emilio Luna).

Devandita faísca puido ter caído nunha pila de pipas de xirasol, produto co que, aparentemente traballa a nave anexa á fábrica da Pontesa.

Non obstante, de acordo coas últimas informacións, os bombeiros xa foron capaces de controlar o incendio. 

O 061 informou de que recibiron a alerta do incendio ás 18.09 horas. Ao lugar desprazaron dúas ambulancias asistenciais de Soporte Vital Avanzado e outra de Soporte Vital Avanzado Enfermeiro de Urxencias Sanitarias. Polo momento atenderon tres feridos por queimaduras, dous deles socorridos no propio lugar -un dado de alta do que non constan datos e outro, un home de 44 anos-, así como outro de 59 anos que foi trasladado ao Hospital da Coruña con queimaduras de consideración.

Vehículos á espera de poder continuar por causa do incendio (Foto: Emilio Luna).