Pide instalar até 80 turbinas flotantes nunha superficie de 268 km2

Unha firma de Madrid proxecta a 30 km de Ferrol a maior eólica mariña do Estado

Unha sociedade constituída en outubro en Madrid proxecta construír a 16 millas náuticas (30 Km) de Ferrol e 32 da Coruña (60 Km) o maior parque eólico mariño do Estado: 80 turbinas nunha superficie máxima de 268 km2 (equivalente á metade da comarca de Ferrol) que poderían xerar unha produción de até 4.800 xigawatt, 30% do consumo eléctrico da Galiza. 

Parque Eólico Marino Nordés S.L constituíuse en Madrid cun capital social de 3.000 euros, o mínimo legal. A sociedade está formada entre Bluefloat Energy e Sener Renewable Investments e é a responsábel do proxecto para instalar a 30 quilómetros da Costa Ártabra o maior parque de eólica mariña do Estado, que nunha primeira fase acadaría unha produción de 1,2 Xigawatts (Xv), e que podería ampliar e a produción neta anual até 4,8 Xv, "30% do consumo eléctrico da Galiza", como eles propios indican na memoria do proxecto. 

O proxecto xa está en trámite de Avaliación ambiental no Ministerio de Transición Ecolóxica. Nel especifícase que consta de dúas fases. A primeira, con 35 turbinas; a segunda, con 45 máis.

Cable submarino

A electricidade que se xere neste parque, que contempla unha superficie máxima de 268 quilómetros cadrados, será vertida á rede mediante un cable submarino que conecta esas instalacións no mar con Sabón, en Arteixo. Nesa área mariña instalaranse até  80 turbinas e 2 subestacións flotantes. "O espazo marítimo de ocupación efectivo por cada turbina en planta é (...) equivalente a un círculo de aproximadamente 730  metros de radio", especifícase no documento a exposición.

"Calidade do recurso"

"A calidade do recurso eólico nesta rexión pode considerarse moi boa, sendo unha das  zonas con maior potencia eólica do  país", salientan os promotores. "O principal factor analizado para determinar a viabilidade do parque eólico é a calidade do recurso eólico. A densidade de potencia eólica é o criterio seleccionado para valorar este recurso", engaden.

A sociedade afirma, ademais, que se xerarían 14.000 empregos directos durante a construción deste parque, dos que case a metade (6.ooo) na Galiza.

Malestar no sector pesqueiro

O proxecto non convence no sector da pesca galega. Torcuato Teixeira, presidente de PescaGalicia representante do sector no Observatorio da Eólica Mariña, manifesta a Nós Diario que, "como xa é habitual nos promotores destes proxectos", ninguén contactou con eles para imformar ou falar deste tema.

Teixeira alerta que a zona onde se prevén instalar as 80 turbinas "é moi rica en ecosistemas mariños e ademais aí hai caladoiros  para frotas pesqueiras como a da arrastre, a peláxica ou a de enmalle".

Unha afirmación que desminte o compromiso da sociedade impulsora do parque de que "o emprazamento debe minimizar a afección aos principais caladoiros de pesca".

Para o representante do sector pesqueiro, a Xunta "debería dicir algo", pois este proxecto que está no Ministerio (onde se tramitan os de máis de 50 megawatts) ao seu entender traspasa dúas "liñas vermellas" que o propio Goberno galego asume: protexer o ecosistema mariño e a actividade pesqueira.

O emprazamento

A eólica mariña tamén presenta cuestións abertas para ambientalistas. Serafín González, da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) lembra en conversa con Nós Diario que a eólica mariña "como enerxía renovábel que é é boa", e que o problema deriva de onde se sitúen os parques.  

Así, apunta, a eólica mariña debería respectar ecosistemas e recursos pesqueiros e tamén, incide, ter en conta que a costa galega é un corredor "único e moi importante" a través do cal cada ano pasan "centos de miles de aves" nas súas migracións. 

Explotación

Recentemente confrarías de pescadores da Galiza, Asturies e Cantabria asinaban en Burela un manifesto contra "o inzamento de parques eólicos" no espazo marítimo que afectarían "máis de 200 caladoiros en condicións inmellorábeis".

Era un paso dado desde o propio sector ante os diferentes proxectos previstos para costas como a galega por parte de diversas enerxéticas, como os dous parques proxectados por Iberdrola  fronte ás costas da comarca da Mariña.