A cultura e a ciencia galegas lanzan o 'Manifesto da Outra Xente' en defensa da biodiversidade

Antonio Sandoval, un dos promotores do manifesto (Foto: Formacion ib).
O manifesto foi promovido por Antonio Sandoval e Manuel Rivas e xa foi asinado por máis de 60 persoas do mundo cultural e científico.

"Vivimos un tempo de emerxencia planetaria. Cómpre pór fin á guerra contra a natureza. Pór fin aos procesos de extinción. Acabar cos asasinatos ecolóxicos en masa contra a Outra Xente", así comeza o 'Manifesto da Outra Xente'.

Este manifesto, asinado xa por máis de 60 persoas do mundo cultural e científico e promovido por Antonio Sandoval e Manuel Rivas, vén en sete idiomas diferentes e alerta sobre os riscos de perdermos a nosa biodiversidade.

"É hora de descolonizar e desescravizar a nosa mente. O respecto á Outra Xente, á natureza, é tamén a nosa emancipación. Sen a biodiversidade non haberá lugar para o ser humano", continúa o texto que se pode ler en galego, español, catalán, euskera, asturianu, aragonés e llionés.

"Unha nova abundancia"

Entre outras cuestións, o manifesto trata a posibilidade "dunha nova abundancia", faino indicando que "fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada debemos abrir paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia. Abundancia no benestar con e coa natureza. Temos que renaturalizármonos para reencantarnos coa nai terra".

"Chegou o intre de pensar en ampliar os dereitos da Outra Xente e espallar de modo universal leis que a defendan fronte a todo tipo de ecocidio", acrecenta o manifesto.

"Hai que actuar"

O texto do manifesto finaliza facendo unha chamamento a actuar: "Hai que actuar. O primeiro paso, a primeira revolución, é comezar a escoitar as voces da Outra Xente".