Ferrovial faise co alumeado público de Santiago por 41 millóns de euros

Rúa dos Loureiros, en Santiago de Compostela. (Foto: Concello de Santiago)
A compañía decide esta quinta feira o seu traslado aos Países Baixos.

A UTE formada por Ferrovial Construcción S.A. e Endesa X Servicios S.L. adxudicouse o mantemento e o subministro de alumeado público exterior de Compostela por un importe total de 41.765.702,55 euros, IVE incluído. Esta adxudicación prodúcese en vésperas de que Ferrovial celebre esta quinta feira a súa xunta xeral de accionistas, na que se someterá a votación a operación de fusión coa súa filial dos Países Baixos. Isto suporá o traslado da súa sede social a este Estado ao longo do terceiro trimestre deste ano. 

A compañía, que proxecta varios parques de enerxía eólica mariña na Galiza, anunciou por sorpresa esta transacción o pasado  28 de febreiro, aproveitando a publicación dos seus resultados de 2022, e desde ese momento xerouse unha gran polémica a nivel político, pois trátase unha das maiores empresas do Estado español, adxudicataria de contratos públicos e con gran proxección internacional

Segundo recolle o Concello nun comunicado, este novo contrato "permitirá a renovación e mantemento do alumeado das rúas, prazas e outros espazos públicos do municipio" por un período de dez anos, incorporando o uso de tecnoloxía LED e un sistema de enerxía "100% renovábel". O contrato prevé, nun prazo de oito meses, a renovación de máis de 30.000 elementos luminosos que pasarán a ser leds.

Fuga de empresas

A fuga da sede social de Ferrovial aos Países Baixos non é un caso illado. Cada ano rexístranse miles de cambios de domicilios fiscais, un movemento que tamén se dá na Galiza. Segundo o Informe D&B, publicado en febreiro, en 2022 marcharon da Galiza un total de 158 empresas, 70 delas a Madrid. A moita distancia séguelle Catalunya (17) e Castela e León (13 empresas).

En 2022 optaron por facer o camiño inverso, instalar a súa sede social na Galiza desde outro territorio 163 sociedades, cinco máis das que marcharon. Iso si, o saldo é negativo para a Galiza en canto a facturación, pois a fenda entre o volume de negocio das empresas que marcharon da Galiza e das que viñeron é de -429 millóns.