Xustiza

Fernández de Sousa entrará en prisión nos próximos días polo 'Caso Pescanova'

O antigo presidente do grupo Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, durante o xuízo que decorreu en 2019 na Audiencia Nacional. (Foto: Pool)
O Tribunal Supremo confirma que o ex directivo falseou as contas da empresa.

A Sala do Penal do Tribunal Supremo notificou onte a desestimación do recurso de aclaración presentado polo ex presidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa-Faro contra a sentenza ditada pola mesma sala o pasado 10 de febreiro, polo que o antigo directivo entrará en prisión "nos próximos días". 

No documento emitido polo Tribunal Supremo condenábase o empresario a un total de seis anos de prisión por un delito continuado de falsidade nas contas anuais e por un delito tamén continuado de falseamento de información económica-financeira. Todos estes delitos foron cometidos no marco do chamado 'Caso Pescanova'. 

Concretamente, o primeiro dos delitos levaba asociado unha pena de catro anos e seis meses en relación co concurso medial. Polo segundo delito impúxoselle unha pena de un ano e seis meses. A Audiencia Nacional decretara inicialmente unha pena de oito anos, que foi rebaixada a seis anos polo Tribunal Supremo.

Non obstante, a defensa de Fernández de Sousa solicitou aos maxistrados unha rectificación da sentenza por "erro material" no que se refire aos delitos que se lle imputan e as súas correspondentes penas. Isto en relación co delito continuado de falseamento de información económica-financeira xa que, ao seu xuízo, non se aprecia "ningunha sorte de continuidade delitiva". 

No auto coñecido onte, o Tribunal Supremo explica que non observa "erro material" respecto á consideración como continuado do delito de falseamento na información económica-financeira. "Ao contrario, consideramos que a condena pronunciada na instancia, e que este Tribunal confirma, foino en dita condición", indican os xuíces. 

Ingreso en prisión

Pola súa parte, o avogado de Fernández de Sousa, Gonzalo Martínez-Fresneda, asegurou que a partir de agora notificarase "como é habitual" o ingreso en prisión do ex directivo, que se producirá "nos próximos días".

Segundo Martínez-Fresneda, esta podería levarse a cabo "esta quinta ou sexta feira" e, por norma xeral, danse 10 días para ingresar, "aínda que neste caso poderían ser menos debido a que a petición deste aclaratorio xa atrasou a súa entrada no cárcere". 

Non obstante, o avogado de Fernández de Sousa asegurou que recorrerá a resolución do Tribunal Supremo. Aínda que o documento non é recorríbel, afirmou que se pode presentar un incidente de nulidade e, despois, acudir ao Tribunal Constitucional. "Imos estudalo. Entendemos que o Tribunal Supremo non ten razón", sentenciou. 

'Caso Pescanova'

Foi a raíz da crise financeira que estalou en 2008, Manuel Fernández de Sousa-Faro, que era daquela presidente da empresa galega, co obxectivo de poder seguir desfrutando do financiamento bancario do que dependía Pescanova polo esforzo inversor exercido nos anos anteriores, planificou, xunto cun grupo de persoas da súa confianza, seguir obtendo financiamento a través dunha serie de mecanismos ou prácticas irregulares. 

Foron 12 as persoas condenadas a penas sensibelmente inferiores ás solicitadas polas acusacións, ao entender que os delitos de falsidade en documento mercantil, estafa, falseamento de contas anuais e falseamento de información económica e financeira cometéronse en concurso medial e non poden ser penados de maneira independente. 

Unha vez conseguida, os condenados levaron a cabo outra serie de manipulacións nas contas anuais ou outros documentos oficiais que reflectían a situación financeira da empresa "para conseguir uns resultados positivos que non correspondían coa situación real e que, após ser oficialmente publicados, permitían captar novos investidores e desprazar o financiamento bancario e as súas excesivas comisións", segundo recollía a sentenza.

As accións fraudulentas de Fernández da Sousa e os seus colaboradores conduciron á que foi a maior quebra financeira do Estado español fóra do sector inmobiliario. A caída da"empresa insignia" da Galiza supuxo a perda de até 3.600 millóns de euros. A compañía ficou entón en mans de Abanca como accionista maioritario, fundando no ano 2015 o Grupo Nueva Pescanova