Fernández de Sousa, ex presidente de Pescanova, entra oficialmente en prisión

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente de Pescanova, durante o xuízo. (Foto: Pool / Europa Press)
Manuel Fernández de Sousa-Faro foi condenado a seis anos de prisión por un delito continuado de falsidade nas contas anuais da compañía e por un delito tamén continuado de falsidade de información económica e financeira.

O ex presidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa-Faro entrou esta terza feira na prisión madrileña de Soto del Real, onde permanecerá durante seis anos tras ser condenado por un delito continuado de falsidade nas contas anuais da compañía e por un delito tamén continuado de falsidade de información económica e financeira.

Despois de que a Sala do Penal do Tribunal Supremo rexeitase aclarar a sentenza contra o empresario ditada por esa mesma sala o pasado 10 de febreiro, os maxistrados concedéronlle dez días para que entrase de forma voluntaria en prisión.

Desta maneira, De Sousa esgotou o prazo e entrou na mañá desta terza feira no cárcere de Soto del Real.

Manuel Fernández de Sousa-Faro foi condenado a seis anos de prisión por un delito continuado de falsidade nas contas anuais da compañía e por un delito tamén continuado de falsidade de información económica e financeira.

Inicialmente, a Audiencia Nacional condenárao a oito anos de cárcere. Con todo, o Supremo rebaixou a súa pena en dous anos ao absolvelo dos delitos de estafa, falsidade documental e aplicar unha atenuante por dilacións indebidas, confirmando o resto da condena por manipular as contas para captar investidores.

Feitos

A sentenza da Audiencia Nacional relataba prácticas irregulares levadas a cabo pola antiga cúpula de Pescanova, a cuxo fronte se atopaba o empresario coa colaboración dos responsábeis dos departamentos máis relevantes.

A sentenza indicaba que por mor da crise financeira que estalou en 2008, o presidente da firma galega, co obxecto de poder seguir gozando do financiamento bancario da que dependía Pescanova polo esforzo investidor exercido nos anos anteriores, planeou, xunto cun grupo de persoas da súa confianza, seguir obtendo financiamento a través dunha serie de mecanismos ou prácticas irregulares.

Unha vez conseguida, apuntaba, levaron a cabo outra serie de manipulacións nas contas anuais ou outros documentos oficiais que reflectían a situación financeira da empresa "para conseguir uns resultados positivos que non se correspondían coa situación real e, que, tras ser oficialmente publicados, permitían captar novos investidores e desprazar ao financiamento bancario e as súas excesivas comisións".