O feminismo galego mobilizarase contra o novo crime machista de Oia

Máis de un millar de persoas mobilizáronse en Lugo polo feminicidio de Cristina Cabo o 1 de decembro de 2022 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Esta segunda feira, 5 de xuño, o movemento feminista galego sairá ás rúas en repulsa do feminicidio de Ana Vanessa.

A Marcha Mundial das Mulleres vén de convocar mobilizacións esta segunda feira 5 de xuño nas comarcas do país en repulsa feminicidio de Ana Vanessa, acontecido este sábado en Oia, no Baixo Miño.

Polo de agora están xa confirmadas máis de 15 concentracións ao longo do territorio galego, un número que seguramente irá medrando co paso das horas. A Marcha Mundial fixo un chamamento á mobilización masiva.

As mobilizacións da Guarda, das Pontes, de Moaña e de Vilalba terán lugar ás 20.30 horas. Ás 20 horas serán as de Betanzos, Carballo, Carnota, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, O Porriño, Ourense, Pontevedra e Val Miñor. En Cabanas terá lugar ás 11 horas, mentes que na Gudiña será ás 13 horas.

Baixo o lema “Basta de violencia! O machismo mata!”, a Marcha Mundial das Mulleres non descarta que máis localidades se unan á convocatoria. Unha información que se irá comunicando a través das súas redes sociais e da web www.feminismo.info

Estas mobilizacións convócanse conforme ao protocolo galego de resposta ante os feminicidios, o cal se activa cando acontece un novo crime machista no país.

A Marcha Mundial das Mulleres anima á sociedade non só a participar, senón tamén a comunicar por todas as vías calquera outra mobilización que se vaia unindo a este protocolo de resposta ante os crimes machistas.

Así mesmo, a organización feminista galega irá informando periodicamente das actualizacións das convocatorias a través de todas as vías posíbeis para “tomar as rúas en repulsa da violencia machista”.

O protocolo de resposta foi activado xa o sábado, apenas dúas horas de transcender o asasinato, ficando a Marcha Mundial pendente da confirmación de que se trataba dun caso de asasinato machista.

Xa desde aquel momento se abordou a potencial convocatoria das mobilizacións desta segunda feira, tal e como se mantivo despois da confirmación do crime machista.