Feixoo valora "excesivo" substituír a Tahoces

Vertidos na mina de San Fins (Lousame). Foto: Adega.

Alberto Núñez Feixoo saíu de novo en defensa do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e afirmou que ten o seu apoio porque leva confiando nel moitos anos.

O presidente da Xunta de Galiza volveu saír en defensa do director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, alegando que a concesión da canteira de San Fins, en Lousame, pola que está chamado a declarar como investigado, foi outorgada hai máis de cen anos e renovada en distintas ocasións, en referencia tamén ao goberno anterior.

 

"Como non imos confiar nel se levamos confiando moitos anos?" preguntouse Feixoo ante os medios de comunicación logo da celebración do Consello da Xunta desta quinta feira.

 

O procedemento contra o Tahoces considera que no proceso de reapertura da mina puido haber irregularidades

 

Unhas horas antes da comparecencia de Feixoo, Tahoces tiña que declarar nos xulgados de Noia citado pola Fiscalía como investigado por presunto delito de prevaricación ambiental. Porén, a súa comparecencia foi aprazada tras unha solicitude do avogado da Xunta.

 

Feixoo declarou que valoraba "excesivo" o feito de que houbese que substituír o actual responsábel de minas e cargou as tintas contra o anterior goberno.

 

O procedemento contra o Tahoces partiu da Fiscalía de Medio Ambiente e considera que no proceso de reapertura da mina puido haber irregularidades, tal e como denunciaron plataformas, organizacións ecoloxistas e veciñanza.

 

As denunciantes sinalaron que non houbo ningún estudo de impacto e que se verteron augas residuais

 

Nese sentido, as denunciantes sinalaron que non houbo ningún estudo de impacto e que se verteron augas residuais, e que ninguén respondeu polo estado das balsas mineiras, as cales conteñen metais pesados con potenciais efectos canceríxenos. A pesar de todo, a Xunta e en particular a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveron autorizar a reapertura da explotación co argumento de Tahoces de que a mina xa funcionou en diferentes momentos no século XX.