Feixoo promete "incrementar" a atención presencial na Primaria cando a mocidade tamén estea vacinada

Feixoo no novo centro de saúde de Ames, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, tamén aproveitou a súa visita ao novo ambulatorio de Melide para incidir en que é preciso un "novo modelo pospandemia" neste servizo máis próximo á cidadanía.

Malia que a Xunta do PP non cre no regreso total das e dos doentes aos centros de saúde, o seu presidente Alberto Núñez Feixoo prometeu esta sexta feira que a “presencialidade” na Atención Primaria irá “incrementando” na medida en que haxa máis poboación vacinada, se ben a recuperación máxima do servizo -cuxa realidade non se coñece- non chegará até que as e os adolescentes estean inmunizados.

Agora que xa ve “luz ao final do longo túnel” da Covid-19, puntualizou en todo caso que é tempo de reformar este apartado da sanidade, un plan no que traballan cos colexios médicos -na quinta feira decorreu a última reunión até agora- malia que pouco se sabe de iniciativas concretas.

Nun acto de presentación dun novo ambulatorio, sinalou que a crise sanitaria "veu a acreditar que Galiza estaba preparada para xestionar o probablemente maior test de tensión que nunca tivo que soportar desde a transferencia dos servizos sanitarios”.

Falou longo e tendido sobre a xestión do Sergas mais apostou nun “novo modelo pospandemia”.

Non especificou moito máis, pero cabe lembrar que as facultativas da Atención Primaria reivindicaban hai uns días a posta en marcha dunha estratexia de control das citacións que lles permitira contar cun mínimo de 10 minutos por persoa e cun máximo de 30 pacientes en cada xornada.

E se as médicas teñen a súa propia visión do que debe ser o día a día nos ambulatorios do país, tamén queren opinar outros membros do persoal sanitario como son os enfermeiros.

No entanto, xa denunciaron hai algunhas semanas que a Consellaría de Sanidade non está a contar coa súa visión nas conversas cos colexios médicos, o que pode derivar en que non teñan nin voz nin voto na reorganización do seu traballo cotiá.

Aliás, a pesar do compromiso de Feixoo, ao Sergas e ao seu Goberno acumúlanselle as queixas e críticas por un suposto servizo deficiente en diferentes localidades. É o caso, por exemplo, dos centros de saúde da Guarda, Guitiriz ou Monfero.