A Xunta pedirá ao Estado que o toque de recoller se estabeleza "na contorna das 20 horas"

Feixoo nun acto decorrido en Ourense. (Foto: Europa Press)
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, rexeitou apostar na idea do BNG dun confinamento duro durante dúas semanas e fala de que ese sería o "último recurso". No entanto, nunha visita a Ourense, advertiu: "Quédanos unha semana especialmente dura".

Mudar o toque de recoller para as 20 horas, a pesar de que hai uns días falaba de pedir ao Executivo central mover a franxa horaria até as 18 horas, sería unha proposta “bastante razoábel”. Así se manifestou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, apenas unhas horas despois de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, incidira no interese de solicitar que cada territorio poida tomar as súas propias decisións a este respecto.

Nun acto en Ourense, Feixoo comentou aos medios que pasar das 22 horas actuais “á contorna das 20 horas, entre as 20 e as 21 horas, sería bastante razoábel”.

Esa será unha das peticións que leve Galiza ao Consello Interterritorial de Saúde, no que o país non vai ser o único en demandar unha estratexia de combate contra a expansión do coronavirus máis ampla segundo sexa a evolución epidemiolóxica.

O encontro decorrerá mañá e Feixoo afirmou que hai que aproveitar para loitar por esa “vía libre”, dado que xa se viu “perdida” a oportunidade do Consello de Ministras e Ministros de tomar esa decisión de forma individual atendendo ás demandas das últimas xornadas.

Na Galiza o comité clínico recomenda este cambio para que as e os galegos pasen menos tempo na rúa, de maneira que se reduzan os contactos e, en consecuencia, baixen os contaxios, que até agora continúan disparados.

Ás 18 horas en casos concretos

A respecto da súa proposta de reclamar o límite para as 18 horas, falou de ter esa opción só no caso de que haxa municipios nos que a Covid-19 teña un percorrido peor que o resto. “Por que non ter unha ferramenta desde as 18 horas nos lugares con incidencia altísima? Non debería de ser unha discusión isto, debería ser unha decisión”, destacou.

“Se o obxectivo é salvar vidas e manter a actividade laboral e educativa, o lóxico é que, finalizado o traballo, a xente regrese á súa casa para evitar aglomeracións e un incremento de casos. Por tanto, é necesario ampliar o toque de queda”, insistiu o responsábel da Xunta.

Ademais, apoiou a decisión de Castela e León de mover pola súa conta esa franxa horaria aínda que sexa de dubidosa legalidade”, porque “é proporcionada á situación”.

Non ao feche total

Por contra, Feixoo non ve que sexa preciso atender a un plan como o que onte poñía sobre a mesa o BNG: confinar á xente durante dúas semanas, seguindo o exemplo de Alemaña.

Desde o seu punto de vista ese é “o último recurso”, se ben queda “unha semana especialmente dura”. “Temos que ser respectuosos entre todos para que cumpramos estritamente as normas. Se o facemos, esta onda durará menos. Se non, durará máis”, resumiu.