Feche total da hostalaría e suspensión de actividade non esencial en Arteixo, Viveiro e Xinzo

Cadeiras baleiras nunha terraza (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
O conselleiro recoñece que a situación da pandemia na Galiza é "moi preocupante".

O conselleiro de Sanidade anunciou que os concellos de Viveiro, Arteixo e Xinzo van estar sometidos a un nivel máis grande de restricións que o resto: feche total da hostalaría e a suspensión de toda actividade non esencial. Unha medida, explicou García Comesaña, motivo polo feito de que  nestas tres localidades de máis de 10.000 habitantes a incidencia acumulada a 14 días supera os 1.000 casos, moi por riba dos 250 que se fixou para adoptar restricións. "Pedimos á cidadanía destas localidades un esforzo especial", dixo o conselleiro.

As actividades non esencias suspendidas neses tres concellos son as comprendidas no decreto 124 de 2019: ximnasios, calquera establecemento de xogo, espectáculos públicos, actividades culturais e bibliotecas. 

O propio conselleiro advertiu que este tipo de medidas aplicaríanse en todos aqueles concellos de máis de 10.000 habitantes que superen os mil casos de incidencia acumulada a 14 días. 

O conselleiro tamén anunciou, e a nivel de toda Galiza, que se suspendían as competicións de deporte federado galego. A isto engadiu que os adestramentos sexan dun máximo de 4 persoas e que deben de cumprir o toque de recoller (22:00 horas) e o feche perimetral. 

Sobre o toque de coller, Comesaña manifestouse a prol de que se permita adiantar o mesmo a respecto do que agora fixa o estado de alarma (entre 22:00e 00:00 horas) e que as comunidades teñan competencia así para establecer a hora de recoller que consideren necesaria. Neste sentido, e de se abrir esta posibilidade, non desbotou que a Xunta adiantase o toque de recoller.

Comesaña cualifica como "moi preocupante" a situación da pandemia na Galiza e manifestou que espera que as medidas e restricións que se están a adoptar "funcionen". A directora  xeral de  Saúde  Pública, Carme Durán,  manifestou que "estamos no límite", recoñece.

As novas medidas entrarán en vigor na noite da cuarta á quinta feira.

Máis concellos

A Xunta e as e os membros do comité clínico acordaron esta segunda feira incrementar o número de municipios no nivel máximo de alerta á vista dun punto no que a pandemia semella descontrolada. En concreto, aos 60 que quedaron fechados individualmente a semana pasada, súmanse agora outros 56 entre os que se atopan as cidades de Pontevedra e Vigo.

Na práctica, a decisión tradúcese en que un total de 116 concellos terán a mobilidade a outras vilas prohibida e os estabelecementos de hostalaría só poderán atender nas terrazas e ao 50%. Isto afectará ao 72% da poboación da Galiza.