A Xunta e as e os membros do comité clínico acordaron esta segunda feira incrementar o número de municipios no nivel máximo de alerta á vista dun punto no que a pandemia semella descontrolada. En concreto, aos 60 que quedaron fechados individualmente a semana pasada, súmanse agora outros 56 entre os que se atopan as cidades de Pontevedra e Vigo.
A maioría das localidades que cambian de estado son da área sanitaria da Coruña. En concreto, o nivel de contaxios fai que aumenten as restricións en Betanzos, A Laracha, Sada, Abegondo, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Muxía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar.
Na área sanitaria de Lugo son Burela, Cervo e O Vicedo, todos eles na Mariña, onde o coronavirus volve a facer estragos nas residencias de maiores desde hai unhas semanas. No distrito da cidade de Ourense, soben de nivel Celanova, A Porqueira, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos.
Na zona pontevedresa, a Consellaría de Sanidade estabelece máis control sobre A Lama, Catoira, Forcarei, Meis e Moraña. Pola súa banda, en Vigo o cambio afecta aos municipios de Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas.
Na contorna de Compostela, a veciñanza de Ordes, Teo, A Baña, Padrón, Rois, Negreira, Arzúa, Silleda, Dodro e Touro tamén fica inmobilizada e con menor ocupación nos locais de hostalaría e nos comercios.
Por último, no espazo de influencia sanitaria de Ferrol engádense ao grupo de nivel máximo de restricións Cariño, Cedeira, Mañón, Moeche, Cerdido, San Sadurniño, Neda, Mugardos e Valdoviño.
Dunha reunión que se prolongou durante bastante tempo saíron estas novas medidas que veñen a reforzar as limitacións estabelecidas a semana pasada na Galiza. Na práctica, a decisión tradúcese en que un total de 116 concellos terán a mobilidade a outras vilas prohibida e os estabelecementos de hostalaría só poderán atender nas terrazas e ao 50%. Isto afectará ao 72% da poboación da Galiza.
No entanto, non transcendeu nada novo sobre a intención do Goberno do país de pór o toque de recoller ás 18 horas. É previsíbel que mañá decorra unha rolda de prensa para anunciar polo miúdo as medidas e detalles, e tamén haberá que agardar á súa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) para a entrada en vigor de todos os cambios que buscan pór fin á vaga actual.Menor tempo na rúa
Feixoo xa viña dicindo hai varios días que o Executivo galego quería reducir o tempo que pasa na rúa a poboación e mesmo municipios como Xinzo de Limia recomendaban os seus propios toques de recoller malia que non haxa competencia.
A situación é crítica nos centros hospitalarios e todas as administracións buscan ideas para paliar o incesante incremento dos contaxios.
Neste contexto, mesmo o BNG instaba esta mañá á Consellaría de Sanidade a buscar a forma para facer un confinamento de dúas semanas coa intención de frear a curva ascendente provocada, segundo parece, polos encontros no Nadal.
De feito, xa hai varios días que os hospitais das áreas sanitarias da Coruña, Compostela e Ferrol comezaron a reprogramar as súas cirurxías non urxentes para estar preparados ante unha hipotética, aínda que probábel segundo as expertas, avalancha de pacientes nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI). Nalgunhas zonas, como é o caso de Ferrol mesmo trasladaron a algún ocupantes destas áreas de hospitalización a outros centros con menos presión asistencial.
Multas
A pesar das ducias de novas preocupantes sobre a Covid-19 no país, aínda hai unha parte importante da poboación que está a obviar as restricións impostas hai escasos días. Polo menos é o que dan a entender as cifras de sancións que manexan as forzas de seguridade após de organizar distintos controis de mobilidade.
No caso da hostalaría, que se sinte acusada inxustamente de como está a avanzar o virus, apenas transcenderon incumprimentos.