Novos pasos na desescalada: sen máscara no exterior, capacidade nas terrazas a 100% e apertura do lecer nocturno

Usuarias dunha praia con máscaras. (Foto: Ález Zea / Europa Press)
Agás no que atinxe a persoas conviventes. Feixoo anunciou tamén a apertura do lecer nocturno a partir do 1 de xullo e que se poderá pedir en barra mais non consumir.

Núñez Feixoo anunciou esta cuarta feira que o comité clínico considera que "é o momento" de reformular o uso da máscara. Propón unha "retirada da máscara de forma ordenada en exteriores" e lamentou que o Goberno español criticase hai semanas o anuncio da Xunta de dar ese paso e agora aposte por dalo el.

"É unha medida proporcional e responsábel", di Feixoo sobre a fin da prohibición de uso das máscaras no exterior que elaborou o Comité clínico galego.

"Levamos semanas traballando nunha proposta rigorosa". Esa proposta consiste en, explicou: "Eliminar a obrigatoriedade agás cando non sexa posíbel manter a distancia interpersoal de 1 metro". "No interior, máscara e distancia; no exterior, máscara ou distancia", resumiu Feixoo. Iso si, exceptuou as persoas conviventes desta medida, pois non precisarán máscara ainda que estean a menos desa distancia interpersoal. Propostas que xa figuran entre as que baralla o Goberno estatal e que este deu a coñecer hai uns días.

A máscara será obrigatoria naqueles concellos en nivel máximo de alerta polo coronavirus -mais de 500 de incidencia a 14 días-. Actualmente ningún municipio na Galiza está nese nivel.

Tamén vai ser obrigatorio, dixo Feixoo, levar a máscara sempre enriba. "A máscara formará parte das pertenzas obrigatorias. Hai que saír con máscara da casa". De feito, incidiu en que nas terrazas, malia que poida haber distancias, será de uso constante salvo no momento do consumo.

No entanto, a proposta galega quedará a expensas da orde que se acorde no Consello Interterritorial de Saúde. A este respecto, o presidente remarcou que confía en que cada territorio "poida flexibilizar o uso deste elemento segundo a situación".

Capacidade

A partir do sábado entra en vigor unha nova normativa relativas capacidades de Galiza. Vai haber ampliación xeralizada das capacidades en espazos e tamén para eventos. No caso do interior de bares e cafetarías manterase no 50%, pero ampliarase até o 100% en terrazas se as mesas cumpren a norma dun metro e medio de distancia.

Feixoo ratificou que se permitirá pedir e servir nas barras dos locais da hostalaría, aínda que non se poderá consumir nas mesmas.

A partir do 1 de xullo, sinalou o presidente, reábrese o lecer nocturno, anunciou Feixoo: "É a primeira vez que en moitos meses que non vai haber ningunha actividade fechada na Galiza". 

No caso das actividades e eventos como concertos ou citas deportivas, imponse a normativa que xa estaba estabelecida.

Concellos

A Consellaría de Sanidade e o Comité Clínico que asesora á Xunta sobre a evolución epidemiolóxica da Covid-19 na Galiza acordaron esta terza feira que suban de nivel de risco Cambre, Poio e Castroverde, que así súmanse aos municipios de Malpica e Camariñas. Estes fican no nivel medio-alto desde a semana pasada. Así mesmo, Soutomaior descende a nivel medio-baixo despois de varias semanas

Así, a partir do día 26 de xuño ficarán coas limitacións propias do nivel medio-alto -que implican cambios na capacidade dos estabelecementos hostaleiros, entre outras cuestións- Malpica, Camariñas, Cambre, Poio e Castroverde.

O resto dos concellos da Galiza continuarán no nivel medio-baixo salvo cambios moi salientábeis, pois a próxima xuntanza quedou fixada para a próxima terza feira. Estas modificacións entrarán en vigor na medianoite do sábado.

Aliás, no que respecta á vacinación, xa van tratadas coa pauta completa 1.062.325 galegas e galegos, case o 45% da poboación diana. Estas persoas xa non terán que gardar corentena en caso de estar en contacto cun positivo, tal e como comunicou na terza feira o Ministerio de Sanidade.