O Comité Clínico incrementa as restricións en Castroverde, Cambre e Poio

Turistas en Sanxenxo a principios de xuño. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Así mesmo, as e os expertos reunidos con representantes da Xunta decidiron que fiquen tamén no nivel medio-alto de limitacións Malpica e Camariñas. No encontro de traballo desta terza feira estaba previsto falar tamén da adaptación das capacidades e mesmo dun protocolo sobre o emprego da máscara nos espazos abertos.

A Consellaría de Sanidade e o Comité Clínico que asesora á Xunta sobre a evolución epidemiolóxica da Covid-19 na Galiza acordaron esta terza feira que suban de nivel de risco Cambre, Poio e Castroverde, que así súmanse aos municipios de Malpica e Camariñas. Estes fican no nivel medio-alto desde a semana pasada. Así mesmo, Soutomaior descende a nivel medio-baixo despois de varias semanas.

Así, a partir do día 26 de xuño ficarán coas limitacións propias do nivel medio-alto -que implican cambios na capacidade dos estabelecementos hostaleiros, entre outras cuestións- Malpica, Camariñas, Cambre, Poio e Castroverde.

O resto dos concellos da Galiza continuarán no nivel medio-baixo salvo cambios moi salientábeis, pois a próxima xuntanza quedou fixada para a próxima terza feira. Estas modificacións entrarán en vigor na medianoite do sábado.

Con total seguridade, estas novas serán ampliadas mañá debido a que, ademais de analizar a situación concello a concello, estaba previsto tratar outros asuntos de maior calado coma o uso da máscara.

Protocolo para a máscara

Despois de que o presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, anunciara o fin da obrigatoriedade de empregar este elemento de protección nos espazos exteriores a partir deste sábado día 26, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comunicou que as e os expertos traballaban nun protocolo específico sobre o asunto.

A idea é estipular en que condicións se pode prescindir deste complemento para a saúde e en que momentos non. "Están a deseñar os lugares nos que non será obrigatoria", afirmou na segunda feira nunha visita a Vigo.

Así puxo como exemplos de lugares con maior permisividade as zonas rurais, aldeas, espazos de lecer amplos ou "na maior parte das rúas".

Por outra parte, na orde do día tamén estaba analizar se as capacidades aprobadas hai unhas semanas son as axeitadas. Así poderían ampliarse nalgúns lugares e mesmo reducirse noutros, en función de como responderan as estatísticas de contaxios.

Vacinas, ausencia de corentenas e variantes

Neste contexto, a boa nova da semana é que máis do 42% da poboación diana á que se dirixen as vacinas do coronavirus xa ten a pauta completa. Nestes días o dispositivo continúa centrado en inocular os tratamentos á poboación comprendida entre os 40 e os 49 anos, a máis numerosa do país.

Pola contra, hai certa preocupación porque xa se prevé que a variante delta, tamén coñecida como a cepa india, sexa a dominante nos casos de infección por coronavirus. De feito, xa se detectou nas augas residuais da Coruña, por indicar un exemplo.