A Feira do Mel de Montaña en Muras busca recuperar a "normalidade": Cando potenciar o rural é o obxectivo principal

Degustación de mel na edición de 2018 da Feira do Mel de Montaña en Muras. (Foto: Concello de Muras)
O evento cultural, gastronómico e social vai xa pola súa sétima edición.

Os vindeiros 19 e 20 de novembro Muras acollerá a sétima edición da Feira do Mel de Montaña, un evento cultural, gastronómico e social que pretende pór en valor os produtos naturais da contorna e o labor apicultor no concello, un dos grandes referentes do país neste sector.

En conversa con Nós Diario, o concelleiro de Muras e responsábel de organizar a feira, Mario Rouco, explica que a previsión que ten o Goberno local para esta edición é recuperar a “normalidade” dun evento que naceu en 2015, tivo que ser suspendido en 2020 pola emerxencia sanitaria e que en 2021 volveu lastrado polas restricións de aforo aínda vixentes.

“O que queremos é retomar o ambiente do que é unha feira de seu, volver ao que xa había en 2019, antes de que chegase a pandemia”, salienta Rouco.

Segundo os datos que manexa o Concello, na edición de 2019 entre 2.000 e 3.000 persoas acudiron á Feira do Mel de Montaña en Muras para participar no programa de actividades. “Comezamos empregando unha carpa de 400 metros cadrados. Despois tivemos que pasar a unha de 500 e agora a unha de 600 metros cadrados porque seguimos a crecer”, detalla o edil.

Pór en valor o rural

Rouco salienta a Nós Diario que a feira é unha oportunidade “única” para visibilizar a aposta polo rural que se fai en Muras. “É un evento de pequeno tamaño, que se pode enfrontar a algúns problemas de espazo colo carácter rural do concello, pero que dentro das súas posibilidades dá uns resultados excepcionais”.

Protagonizada polas diferentes variedades de mel que cada ano se expoñen para os asistentes, o evento tamén é unha boa ocasión para que Muras dea a coñecer outros produtos naturais “de tempada”. É o caso dos cogomelos, como destaca Rouco.

O concelleiro tamén destaca a carne, nomeadamente a de vacún, como un dos grandes potenciais de Muras. “Non contamos cunha industria que procese aquí todo o vacún que producimos, pero iso non quita a gran calidade do noso produto cárnico”, engade.

Para Mario Rouco, pór no foco o traballo que se desenvolve no rural para sacar adiante proxectos e iniciativas que repercutan positivamente na contorna e na veciñanza é prioritario. Neste sentido, a Feira do Mel de Montaña en Muras aséntase sobre eses mesmos alicerces.