A Federación Galega de Dano Cerebral pide á Xunta que "rectifique" e permita abrir centros de día

Medidas hixiénicas para levar a cabo nas instalacións da FEGADACE.
As asociacións Adaceco, Adace Lugo, Alento, Renacer e Sarela constatan un "deterioro global" nas dimensións física, psicolóxica e cognitiva das 1.100 persoas con dano cerebral ás que atenden en toda Galiza.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) solicitou á Xunta que "reconsidere e rectifique" o retraso na activación dos centros de día e ocupacionais para persoas con discapacidade, que segundo trasladou a semana pasada non abrirán até o 1 de setembro de 2020.

As cinco asociacións que forman parte da federación ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela manifestaron na Consellaría de Política Social a necesidade de abrir estes centros perante a situación de "emerxencia terapéutica e social" na que se atopan as persoas e familias con dano cerebral adquirido "despois de 80 días sen actividades terapéuticas de rehabilitación e de inclusión". 

No seu escrito a Política Social constatan un "deterioro global" nas dimensións física, psicolóxica e cognitiva das 1.100 persoas con dano cerebral ás que en conxunto atenden en toda Galiza. Unha situación que, segundo sinalan, compromete "de maneira determinante a autonomía e a calidade de vida das persoas con dano cerebral, deteriorando a situación ou impedindo a recuperación de capacidades, é dicir, provocando unha maior dependencia".

Así mesmo, salientan as repercusións que esta situación está a ter tamén para as familias, que desde a declaración do estado de alarma e a interrupción dos servizos de atención e rehabilitación o pasado 13 de marzo, encárganse de atender nos fogares ás persoas con dano cerebral, "cun custe físico e emocional altísimo".

65% das familias pide abrir

Por outra banda, lémbranlle á consellaría que a través dos centros de atención diúrna terapéutica, servizos de rehabilitación ambulatoria, servizos de información, apoio e asesoramento a familias, e programas de respiro, ocio e inclusión social, así como de atención residencial. Ademais, apoian "a máis de 3.000 persoas familiares ou coidadoras" de persoas con dano cerebral.

Conscientes de que non existe un "risco cero" para os contaxios por coronavirus, elaboraron un "plan de continxencia" para reabrir estes centros con todas as "garantías de seguridade" e propoñen á Xunta mecanismos para retomar a actividade adaptándose á nova realidade "como reclama o 65% das familias de persoas atendidas".