Fechan a peza principal da Pokémon con 13 sospeitosos

O ex concelleiro de Urbanismo de Lugo, Fernández Liñares, nos xulgados o pasado mes de febreiro.

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo concluíu a investigación da peza principal da Operación Pokémon e ordena que a causa siga contra 13 sospeitosos, entre eles, o ex tenente de alcalde lugués e ex presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) Francisco Fernández Liñares, que foi até o de agora o primeiro condenado na trama, o pasado mes de marzo.

Nun auto con data de 30 de setembro e do que informou este 7 de outubro o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o maxistrado entende que hai "indicios de delito" na concesión do servizo do guindastre por parte do Concello de Lugo á empresa asturiana Cechalva, en 2005, así como da existencia dunha Caixa B na compañía para realizar os pagamentos pactados por conseguir a adxudicación do servizo.

O instrutor ordenou que a causa siga contra 13 persoas, incluído Fernández Liñares, por se os feitos que lle imputan fosen constitutivos, entre outros, de delitos de suborno, violación de segredos, negociacións prohibidas a funcionarios públicos, falsidade en documento mercantil e lavado de capitais. Entre os outros 12 investigados está a súa muller e varios empresarios. Respecto ao resto de investigados, o instrutor decretou o sobresemento e arquivo da causa.

O xuíz sinala a extensión "fóra do común" deste procedemento de "gran complexidade", cun caso que se aproxima aos 170.000 folios e con multiplicidade de feitos acumulados nos máis de 10 anos que van desde que se puxo en marcha.

O guindastre

O xuíz asegura que desde que o Concello de Lugo iniciou as xestións para a licitación do contrato de guindastres, os investigados "coñeceron de forma ilegal, antes que ningún outro eventual licitador, información relevante sobre o procedemento". Entende que "todas as irregularidades e incumprimentos previos, coetáneos e posteriores á adxudicación do contrato á empresa  Cechalva foron consentidos, precisamente, polo acordo que tiña a empresa co tenente de alcalde" -Francisco Liñares-, que era "coñecedor da trama", tiña capacidade decisoria sobre a concesión e revelou datos para favorecer a empresa, da que presuntamente obtiña "importantes cantidades económicas como contraprestación".Por iso, considera que os feitos referentes á adxudicación do guindastre poderían ser constitutivos de delitos de suborno, violación de segredos e negociacións prohibidas a funcionarios públicos. 

No auto, o maxistrado sostén que hai indicios de que os socios da compañía "se comprometeron a aboar en efectivo a cantidade de 2.000 euros mensuais para pagar ás autoridades do Concello de Lugo como gratificación pola adxudicación do servizo de guindastre". 
Aínda que o xuíz afirma que  J.M.R. (testaferro de Liñares e enlace entre este e a empresa) fixo crer aos empresarios que o diñeiro iría ao alcalde, en realidade, "entregábase en efectivo a  J.M.R., encargado, á súa vez, de darllo en man ao tenente de alcalde, até 2009, e, desde 2009, presidente da CHMS". Precisamente, en setembro de 2028, a Audiencia de Lugo acordou o "sobresemento" da peza do guindastre contra o ex alcalde da cidade, José López Orozco.

En total, de 2006 a 2010, pagaron da Caixa B da empresa 110.000 euros. Ademais o xuíz considera que hai indicios de que Liñares tentou lavar eses cartos coa compra de inmóbeis e outros bens.