sábado 16/10/21

O ex presidente da Confederación Miño-Sil podería ir a prisión por "prevaricación e suborno"

A Fiscalía acúsao de estabelecer unha trama de contratacións irregulares cando dirixía este organismo. Pide para el unha pena de cinco anos de prisión. O xuízo decorrerá en Lugo a semana próxima.
Liñares nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Liñares nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O que fora presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, enfróntase a unha petición de cinco anos de prisión formulada por Fiscalía, que acusa ao tamén ex concelleiro do PSOE en Lugo dos delitos de prevaricación e suborno por unhas supostas irregularidades cometidas na súa etapa á fronte do organismo público encargado da xestión das concas do interior galego.

A Audiencia Provincial de Lugo acolle a próxima semana o xuízo contra Liñares, que procede dunha peza separada da 'Operación Pokémon', impulsada pola maxistrada Pilar de Lara, quen terminou sendo sancionada e apartada dos xulgados da cidade por considerar que provocaba dilacións na instrución da macrocausa.

A Fiscalía sostén no seu escrito de acusación que Fernández Liñares, desde o seu posto como concelleiro no goberno local de Lugo durante os gobernos do socialista José López Orozco entre os anos 1999 e 2008, "teceu unha rede de intereses económicos" a través da concesión de contratos, postos de traballo ou xestión de servizos públicos a cambio de subornos cos que aumentou o seu patrimonio.

Con todo, aclara que estas "irregularidades" cometidas durante a súa etapa no executivo local "non son obxecto de investigación" neste procedemento, que se cingue á súa etapa á fronte da Confederación Hidrográfica Miño Sil, un cargo que ocupou entre principios de 2009 até finais de febreiro de 2012.

Proveito do cargo

Durante ese tempo, sempre segundo a Fiscalía, Fernández Liñares continuou coas prácticas que mantivera nos seus anos de responsable local, valéndose do seu posto para entregar contratos a sociedades e empresas a cambio de diñeiro ou outros favores.

Di que, presuntamente, acusado empregaba o procedemento de adxudicación negociado que, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, permite contratar obras cun orzamento inferior a un millón de euros a condición de que se solicitasen no proceso, polo menos, as ofertas de tres empresas.

Segundo Fiscalía, Fernández Liñares teceu unha trama con representantes de varias entidades para adxudicarlles os contratos ao prezo máis baixo para a confederación. A rede funcionaba de forma que os empresarios se turnaban para partillar as adxudicacións simulando as ofertas con prezos lixeiramente superiores.

De feito, a acusación pública asegura que unha das empresas adxudicatarias chegou mesmo a renunciar a un contrato para que este fose parar a outra das sociedades implicadas na rede en segunda convocatoria.

Unhas 40 adxudicacións

En total, trátase de case 40 adxudicacións por importes millonarios durante os pouco máis de dous anos que Liñares estivo á fronte da Confederación Hidrográfica Miño Sil. Fiscalía solicita a mesma pena de 5 anos de cárcere para os outros nove procesados que acompañarán ao exresposnable local no banco.

En canto ao diñeiro destas operacións, o Ministerio Público mantén que o ex responsábel da conca Miño-Sil desviou estes fondos ás súas actividades empresariais, fundamentalmente á compra de inmobles e á participación en sociedades mercantís. O branqueo destas cantidades segue sendo investigado noutras pezas da 'Pokémon' e polas que están implicadas as sociedades Doal, Cechalva e Artenosa.

Ademais, o ex responsábel público tamén deberá responder polas supostas irregularidades cometidas co uso dun vehículo oficial que lle correspondía como presidente da CHMS.

comentarios