Máis de 400.000 tests de antíxenos vendidos na Galiza na primeira semana de xaneiro

Test de antíxenos da Covid-19 (Foto: Jesús Hellín/Europa Press).
Profesionais sanitarios ven insuficiente o estabelecemento dun prezo máximo de 2,94 euros: "Xa abonda de facer negocios coa pandemia".

A venda de tests de antíxenos nas farmacias galegas alcanzou as 401.374 unidades entre o 3 e o 9 de xaneiro, o que supón un descenso en comparanza coas perto de 525.000 probas vendidas do 27 de decembro ao 2 de xaneiro.

No conxunto do Estado español, a venda e o stock de tests de antíxenos de autodiagnose minguou por vez primeira desde o inicio da sexta vaga na semana do 3 ao 9 de xaneiro. En concreto as farmacias do Estado venderon 7.720.098 no citado período, fronte ás máis de 8,5 millóns de unidades da semana precedente.

A Galiza foi o sexto territorio que máis probas vendeu, só superado por Madrid, Andalucía, Catalunya, País Valencià e Euskadi.

A venda sen receta comezou oficialmente o pasado 21 de xullo. Antes desa data era posíbel adquirir os tests cunha prescrición médica, polo que a súa dispoñibilidade era moi limitada.

Os médicos, en contra da comercialización dos antíxenos

A pasada semana o Goberno estatal fixou en 2,94 euros o prezo máximo de venda de cada proba de autodiagnose nas farmacias, unha decisión que a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FASP) cuestiona. "Xa está ben de negocios coa pandemia", dixeron, nun comunicado.

Esta medida, afirmaron, "fará que aumenten aínda máis as desigualdades sociais" ao tratarse "dun copago máis", xa que os antíxenos "deberían ser de balde e non gravosos economicamente".

"Os xestores sanitarios entenden que todas as persoas teñen capacidade económica para gastar en antíxenos, en máscaras... E que, por suposto, teñen formación para tomar as decisións sanitarias correctas, como cando facer un test de antíxenos, cando unha PCR, cando confinarse, etc", lamentaron.