O Estado fixa en 2,94 euros o prezo máximo dos tests de antíxenos

A portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, desbotou esta mañá dar a coñecer o prezo que ao longo do día fixará o Executivo para os tests de antíxenos.
Test de antíxenos positivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Test de antíxenos positivo (Foto: Nós Diario).

A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, asegurou esta quinta feira sobre o prezo dos tests de antíxenos que se fixaría hoxe que será "alcanzábel" para que estes recursos sexan de uso "accesíbel" e permitan "axilizar a situación da Atención Primaria".

"O Goberno vai facer un esforzo importante nesta cuestión", sostivo a ministra portavoz, nunha entrevista en  Telencico. Finalmente, a comisión interministerial reunida esta mañá acordou fixar un prezo máximo de 2,94 euros para os tests de antíxenos.

Rodríguez explicou que durante o Nadal o Executivo estivo "moi preocupado" e o "importante" foi "manter a subministración porque se produciron tensións no mercado".

Agora, a ministra detallou que van facer o que xa fixeron coas máscaras: "Fixar uns prezos públicos para intervir o mercado".

Sobre a venda destes test de autodiagnose nas farmacias, a portavoz do Goberno defendeu que é un criterio que se adoptou tamén no seo destas comisións de traballo.

"Considérase que as farmacias eran a maneira máis eficaz de tomar en consideración a dispensación destes tests que ao mesmo tempo repercuten na xestión dos datos da pandemia e que, polo tanto, teñen unha repercusión tamén sobre a saúde pública", resolveu a ministra.

Nas últimas semanas, o prezo destas probas diagnósticas oscilou na Galiza entre seis e doce euros, algo que contrasta co que acontece noutros países como Portugal, onde se dispensan en farmacias e supermercados por perto de dous euros.

Comentarios