A farmacéutica galega Zendal fabricará vacinas en futuras pandemias

Instalacións do grupo Zendal. (Foto: Zendal)

Reig Jofre e Zendal acordan coa UE garantir a produción de vacinas en Europa para futuras emerxencias sanitarias

As compañías Reig Jofre e a biotecnolóxica CZ Vaccines do grupo galego Zendal asinaron un acordo coa Axencia Executiva Europea nos ámbitos de Saúde e Dixital (HaDEA, polas súas siglas en inglés) para reservar a capacidade de produción de vacinas en Europa co fin de facer fronte a futuras pandemias.

A Comisión Europea, a través de HaDEA, iniciou un proceso de licitación co obxectivo de asegurar unha rede de fabricación e subministración en toda a Unión Europea (UE) e o Espazo Económico Europeo (EEE) co fin de garantir a dispoñibilidade temperá de vacinas en caso dunha emerxencia de saúde pública. O consorcio formado por Reig Jofre e CZ Vaccines foi un dos catro adxudicatarios finais en dito proceso.

O acordo de reserva de capacidade subscribiuse cunha duración inicial de catro anos, aínda que HaDEA ten a posibilidade de estender este acordo en dúas prórrogas até unha duración máxima de oito anos.

Ambas as compañías comprometéronse a producir e entregar dentro do territorio da UE as doses de vacinas asignadas no contrato, nun período de doce meses desde a activación dunha situación de emerxencia.

Por unha banda, CZ Vaccines do grupo Zendal comprométese a reservar capacidade de fabricación na súa área produtiva do Porriño (comarca de Vigo) para fabricar o principio activo da vacina. E, pola outra, Reig Jofre reservará até 30% da capacidade máxima anual da súa nova planta de inxectábeis situada en Barcelona para satisfacer as necesidades do programa.

Se se activa a capacidade reservada por unha emerxencia, ambas as compañías asumen o compromiso de asegurar a cadea de subministración, de levar a cabo a transferencia tecnolóxica da vacina elixida por HaDEA e asignar os equipos de persoal técnico necesario especificamente formados no proceso para satisfacer a demanda.