As familias do 'Vila de Pitanxo' rogan retomar a busca ante a previsión dunha borrasca na zona

Familiares dos desaparecidos á súa chegada á reunión coa subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba (Foto: Bea Ciscar / Europa Press).
Piden que a súa reunión con Sánchez non se limite a "tirar unha foto" e agardan saír dela cun compromiso para retomar o operativo de busca.

As e os familiares dos doce mariñeiros desaparecidos após o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' reclamaron esta segunda feira de novo ao Goberno estatal que active as xestións precisas para retomar o operativo de busca e que o faga cando antes, dada a previsión de temporal na zona a partir da cuarta feira. Aliás, pediron, mentres non se despregan efectivos na zona, que se compense economicamente ás armadoras dos pesqueiros que están a faenar alí para dedicárense dedicarse exclusivamente a labores de rastrexo.

Así o explicaron os familiares tanto á entrada como á saída dunha reunión que mantiveron coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e que cualificaron de "demoledora" pola falta de avances e de resposta ás súas peticións.

María José Pazos, filla dun dos desaparecidos, subliñou que esta segunda feira, día de loito oficial a nivel estatal, é "un día crucial" para retomar a busca, xa que se prevé unha borrasca na zona a partir da cuarta feira que dificultaría ese rastrexo. "Estamos en tempo de desconto", insistiu, e imploroulle ao presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, co que prevén reunirse esta tarde —coa hora sen concretar, debido ao atraso na chegada do avión que trasladará de volta aos sobreviventes e aos falecidos cuxos corpos foron recuperados— que dea a orde para enviar efectivos.

A respecto diso, as familias entregaron unha carta á subdelegada para que lla faga chegar cando antes a Sánchez, na que reclaman non só que se renove a busca, senón tamén que envíen medios para que, "cando sexa seguro", se poidan facer inmersións e rastrexos submarinos.

"Pedimos ao presidente que non descargue a súa responsabilidade a respecto das doce persoas que están no fondo do mar, ou onde estean", afirmou, e denunciou que esta terza feira cumprirase unha semana do naufraxio e as familias seguen reiterando as súas peticións "en bucle". "Sentímonos decepcionados, abandonados, defraudados; non sabemos que facer", proclamou.

"Basta de mentiras"

Precisamente, as familias aseguraron que están en contacto con pesqueiros galegos que se atopan na zona "e din que o tempo é normal". "Canadá segue a dicir que hai mal tempo [para xustificar que non se retome a procura] mais é mentira; non nos poden mentir máis, non somos ignorantes", lamentou Carolina Alcántara, esposa do mariñeiro desaparecido Jonathan Calderón, quen afirmou que hai unhas horas conseguiu falar con outro mariñeiro que se atopa faenando na zona.

Segundo explicou esta muller, as familias saíron "sen respostas" da reunión na Subdelegación, que "foi a pinga que colmou o vaso", e expresou o seu desexo de que o encontro co presidente Sánchez sirva para avanzar nas súas reclamacións e non para tomar "unha foto". "O día que saian os barcos de España a buscalos, veremos se tiramos a foto", advertiu.

"Decisión tomada"

Por outra banda, o pastor evanxélico Julio Torres, achegado dun dos sobreviventes —o marinense Samuel Kwesi—, manifestou as súas sospeitas de que a procura non se renovou porque hai xa unha "decisión tomada" de que non se faga. "Se non está tomada, é moi difícil de entender que non os vaian buscar", apuntou.

Torres tamén cuestionou algúns dos argumentos trasladados ás familias sobre o atraso nos rastrexos, como a zona do naufraxio, e lembrou que se trata de augas internacionais, onde o Estado español poderían actuar. "A decisión é do que ten a responsabilidade, e é o que ten que asumila. Atrévase a dicir que non van ir buscalos, e así as familias non terían que estar a facer isto", proclamou.

Na mesma liña, María José Pazos volveu urxir o Goberno a "dar a orde" de compensar aos pesqueiros na zona para seguir buscando sen dilación. "Pero que non nos estean dicindo desde a semana pasada que o están valorando, e que o Canadá non deixa entrar os barcos, porque é mentira. Existen convenios internacionais de auxilio. Somos xente de mar pero sabemos ler, preguntar e asesorarnos", resolveu.