Familias denuncian a discriminación do alumnado con necesidades específicas na volta ás aulas

Un neno xoga nun centro educativo (Imaxe: Xunta).
Sinalan que o procolo dificulta a socialización necesaria para este alumnado, así como o traballo en grupo. Así mesmo, reclaman solución para o persoal especializado na súa atención, que en numerosas ocasións traballa con distintos grupos e centros rachando co concepto da "aula burbulla".

Un dos papeis que o psicólogo Ricardo Fandiño outorga ao ensino é o de integrar o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). Nenos e nenas que precisan das rutinas, da socialización co resto do alumnado e do apoio de profesionais para o seu desenvolvemento. Rapazada que, segundo denuncian as súas familias, o protocolo da Xunta deixou de lado.

"Temos un conflito interno, somos conscientes de que este alumnado precisa da presencialidade, mais observamos que a programación da volta á escola se está a artellar con poucos recursos e de maneira bastante improvisada", afirma Leticia Barbadillo, integrante do colectivo Dereitos, non parches que suma familias de estudantes con NEAE. O protocolo, afirma, "estigmatiza" a estes nenos e nenas.

Barbadillo explica que durante a pandemia derivouse a atención deste alumnado aos equipos de orientación, cando a responsabilidade é compartida por todo o persoal docente. No regreso ás aulas, o protocolo "fulmina" o traballo cooperativo e a socialización por grupos nos patios do recreo, ambas fundamentais para este estudantado. "Teñen un baño específico, mais non se fala do persoal que os vai atender, ou obrígaselles a que usen máscara, mentres que o resto do alumnado non ten por que".

"O protocolo do 22 de xullo non ten como obxectivo este alumnado, non resolve cuestións básicas como que facer cos nenos e nenas con problemas auditivos, por exemplo", apunta Patricia Varela, docente e presidenta da Asociación Socio Pedagóxica-Galega.

Varela e Barbadillo engaden que as normas da Xunta tampouco dan solución á mobilidade do profesorado das especialidades de Pedagoxía Terapéutica ou de Audición e Linguaxe. "Pasarán de aula en aula ou recibirán alumnado de diferentes grupos, rachando o concepto dos grupos burbulla", matina Varela, mentres Barbadillo apunta a que estes profesionais “son compartidos entre distintos centros".

Barbadillo admite que hai familias que están a dubidar sobre se enviar as crianzas aos centros. "No actual contexto de tensión e coa sobrecarga do persoal docente, sen planificación para que lle expliquemos aos nenos e nenas o que vai acontecer, que agardar, non semella unha opción”, conclúe.