Denuncian as dificultades do alumnado con necesidades específicas ante a Valedora do Pobo

dereitos, non parches
A Confederación de ANPAS Galegas pide a Dolores Valiño que investigue o "abandono" que sufriu o alumnado durante a pandemia por parte da Consellaría de Educación.

A Confederación de ANPAS galegas presentou unha queixa ante a Valedora do Pobo na que denuncia a situación de abandono por parte da Consellaría de Educación que sufriu o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo  (NEAE) durante a pandemia.

Este colectivo, explica ANPAS Galegas nun comunicado, viu como se pechaban os centros escolares "e de paso os seus moi contados recursos". Así, ficaron "sen máis apoio académico que o que puideran prestarlle, voluntaria, individual e mesmo afectivamente, algúns dos seus docentes".

As instrucións da Consellaría de Educación, que a confederación recolle no comunicado á valedora, Dolores Valiño, relegou nos centros educativos a continuidade das aulas nos domicilios sen fixar diferencias "en canto ao tratamento do alumnado".

Unha enquisa levada a cabo pola propia confederación, e á que responderon 1.800 familias, revelou que en 60% dos casos o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo estaba a recibir as mesmas tarefas que as súas compañeiras. Noutra da CIG-Ensino, 85% do profesorado enquisado afirma "que non recibiu ningunha indicación específica para abordar a diversidade empregando a formación a distancia"

A actual lexislación en materia educativa, lembran, asegura a "calidade da educación para todo o alumnado, independentemente das súas condicións e circunstancias". Así mesmo, desenvolve a necesidade dunha educación que actúa "como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que se deriven de calquera tipo de discapacidade".