Familiares reclaman “xustiza” para as persoas falecidas na residencia DomusVi de Cangas

Protestas en Cangas por parte de familiares de maiores da residencia DomusVi de Aldán, Cangas (Nós Diario)

Marchan por Cangas desde o Concello até a residencia de Aldán pasando polo Centro de Saúde e o Xulgado. Elevan a 38 o número "real" de morto na residencia polo que piden coñecer "os expedientes médicos" das vítimas.

Aínda hoxe hai moitas preguntas para o que aconteceu na residencia que a empresa DomusVi ten en Aldán, Cangas. Por este motivo este domingo case cen persoas protagonizaron unha marcha convocada pola asociación Vellez Digna polo centro do municipio coa intención de reclamar "xustiza" para os falecidos pola pandemia de COVID-19 na residencia DomusVi de Aldán e para os seus familiares.

“Aínda non sabemos cantas mortes houbo”, ecplicaba o presidente da asociación Xosé Bernárdez a Nós Diario”, e queremos que se investigue”, engade.

Esta mesma semana o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 3 de Cangas abriu dilixencias penais previas tras unha querela presentada polas fillas de dúas usuarias contra a conselleira delegada de DomusVi España, Xosefina Fernández, a directora da residencia de Aldán, e dous altos cargos da Xunta: a xefa de Inspección de Maiores e Discapacidade, Berta Bicada, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de Cámpaa.

Coñecer o número real de persoas falecidas

Un dos obxectivos da marcha deste domingo era foi o de reclamar a cifra de mortos "real" que deixou a pandemia, porque, segundo a Federación Galega de Usuarios e Familias de Residencias e Dependencia (REDE), podería alcanzar os "38" cando tan só recoñécese unha vintena.

Ademais, as familias queren coñecer "os expedientes médicos" das persoas maiores falecidas e sospeitan que “se lles están negando para evitar que vaian ao xulgado". Neste sentido, din botar de menos "que a xustiza non fixese unha investigación de oficio" do ocorrido, porque temen que a empresa chegue a "destruír" estes informes.

Ademais, piden que "entren equipos médicos" ao xeriátrico de Aldán "e que avalíen as secuelas" deixadas tanto pola Covid-19 como polo illamento ao que foron sometidos os anciáns.

A residencia volve quedar en mínimos

Bernárdez asegura que agora as “ratios” volveron a baixar. “Xa nos imaxinabamos que baixarían en canto pasaran as eleccións, de 8 enfermeiras que había agora só hai 5”, engade. Temen que aínda baixen máis e poidan reproducirse os tráxicos feitos do momento máis duro da pandemia.