Confírmanse casos de coronavirus en residencias de maiores de Caldas e Compostela

Imaxe de arquivo dunha residencia de persoas maiores (Europa Press)
O Concello de Caldas reportou un caso de coronavirus nunha residencia de maiores. En Compostela, asociacións de familiares de residentes informaron de varios casos confirmados de COVID-19.  Traballadoras e as familiares das usuarias veñen denunciando a falta de medidas de protección e prevención para protexer a este abano da poboación, especialmente vulnerábel.

Na maior parte dos casos, para quen vive interna nunha residencia de maiores ou nun centro para persoas dependentes, as visitas familiares supoñen o principal vínculo cos anos pasados, mais tamén co propio presente. "Somos a súa conexión coa realidade", salienta Ana Villaverde en declaracións a Nós Diario. A súa avoa permanece ingresada desde hai anos nunha residencia en Ribadumia.

Na xornada de onte, un residente do centro xestionado pola orde das Irmás das Anciás Desamparadas, en Caldas de Reis, deu positivo nas probas de coronavirus, o primeiro do que se tivo constancia na Galiza nunha residencia. Desde o consistorio chamaron á calma e apelaron a continuar coas medidas de autoprotección.

Rede, a federación que agrupa as asociacións galegas de familiares e usuarias de residencias, tamén denunciou varios casos (sete, segundo fontes sindicais) de contaxios na residencia xestionada por Domus Vi en San Lázaro, Compostela e que ten prazas concertadas coa Xunta. Segundo informan, deron positivo nas probas de coronavirus. Un deles permanece no hospital desde a pasada terza feira e estanse a realizar as probas a persoal e traballadoras. "O protocolo púxose en marcha onte, pero os traballadores continúan con falta de protección e medios", aseguran.

Desde os sindicatos CIG e CUT vénse denunciando a falta de medidas de prevención e protección das traballadoras e residentes. Especificamente, reclamaron o reparto entre os cadros de persoal de Equipos de Protección Individuais (EPI), así como unha maior dotación de persoal.

As familiares subliñan estas reclamacións. "Estamos a falar dun colectivo moi vulnerábel", lembra o vicepresidente da Asociación de Familiares e Usuarias de Residencias Domus VI (Asfareb), Manuel Martínez. "A preocupación é grande, porque antes de que pechasen as residencias comprobamos que non hai luvas, máscaras nin medios para illar ás residentes", alerta

Sen protocolos claros

Carlos Ansia traballa na residencia compostelá Volta do Castro. Explica a Nós Diario que o día a día das traballadoras decorre entre a tensión e a frustración. "As residentes percíbeno, son conscientes do noso nerviosismo, da nosa carga mental", di.

As demandas de Ansia, delegado sindical da CIG e integrante do comité da empresa, coinciden coas das familiares. "Precisamos medios, formación e máis persoal", resume antes de debullar as necesidades que o sindicato no que se integra xa trasladou á Consellaría de Política Social.

Este traballador comeza denunciando a falta de claridade á hora de coñecer os protocolos aprobados pola Xunta. "A situación está sendo bastante caótica", apunta. As pautas foron publicadas o pasado 12 de marzo. "A nós o que se nos di é que lavemos as mans máis do habitual ou que manteñamos a distancia, mais estas son consignas xerais, mesmo para a poboación nas súas casas, precisamos protocolos máis claros", volve reclamar, engadindo a necesidade de realizar as probas de contaxio por virus ás profesionais "por prevención".

As medidas de Política Social non incluían a distribución de luvas ou máscaras de protección entre o persoal, mais posteriormente a Xunta anunciou a súa distribución entre os centros."A nós indícanos que non usemos máscara e que as luvas só debemos empregalas cando esteamos en contacto con algunha usuaria", di a puericultora Vitoria Louro. "Está claro que a prevención non conta", apunta.

"Instrúesenos en que debemos manter unhas distancias coas residentes, pero moitas veces temos que achegarnos a elas e tamén tocalas", salienta María Jesús Iglesias, traballadora nunha residencia pública en Pontevedra. Familiares de residentes e traballadoras coinciden en sinalar as baixas ratios de traballadoras. "Temos unha maior carga de traballo coas mesmas persoas", denuncia María Jesús Iglesias. 

Co ollar en Madrid

Ana Villaverde chama practicamente cada día para comprobar o estado da súa avoa. Por precaución, as residencias de maiores, un dos principais grupos de risco, decidiron prohibir as visitas agás en casos excepcionais.

"Solicitei ao director do centro que puidésemos falar coas nosas familiares por videochamada. Á dirección non se lle ocorrera, non saben poñerse na nosa pel", explica ela, matizando que "durante dez minutos ao día" pode contactar coa súa familiar.

Villaverde engade que tampouco recibía información sobre o decorrer da residencia. "Despois de moito insistir, aceptaron enviarnos correos electrónicos de cando en vez", conta. O último informouna de que a residencia só informaría dun caso de enfermidade por coronavirus cando se tratase da súa propia familiar. "Isto crea desprotección, ansiedade e impotencia", censura ela.

Paulino Campos é presidente de Asfareb. "Somos un colectivo moi apegado aos nosos pais, nais, avoas, avós e outros familiares, nado para defender os seus dereitos e os das traballadoras", declara a este medio.

Campos sinala que a asociación mantense en contacto con outras agrupacións do Estado, unha delas madrileña. "O outro día unha integrante da nosa asociación sufriu un ataque de ansiedade ao ler a enorme cantidade de mensaxes que se acumularan nun grupo de mensaxaría", engade, facendo referencia aos maiores falecidos en residencias de Madrid após ser infectados por coronavirus.

Martínez tamén reclamou que na residencia na que permanece ingresada súa nai permitan o contacto a través de videochamada. Polo momento, trata de conversar con ela cada día por teléfono.Todas as familiares de persoas ingresadas consultadas comparten verbas de agradecemento cara ás profesionais. "Queremos transmitir as grazas á xente de a pé, que está a facer moio con moi poucos medios", afirma Villaverde. 

Financiamento e material

Onte o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remitiu un comunicado ao ministro Salvador Illa, responsábel da carteira de Sanidade, trasladándolle a súa inquedanza pola falta de material necesario para facer fronte á pandemia de coronavirus. Mentres, a Xunta anunciou o reparto de 4.900 máscaras entre os centros sociosanitarios.

Ao tempo que asegurou o envío "canto antes", o Goberno estatal informou do investimento de 300 millóns de euros nas residencias de maiores, hoxe "desbordadas" e un dos llugares"máis vulnerábeis nesta crise sanitaria". O ministro de Sanidade avanzou o peche de residencias que incumpran o novo protocolo que prepara o Goberno, o mantemento da limitación das visitas e garantizou a atención médica mínima