As residencias da Xunta de maiores, de menores e de persoas con discapacidade carecen de medidas de protección contra o coronavirus

Residencia de maiores (SG)

A CIG denuncia a “inacción” da Xunta na Inspección de Traballo, en Sanidade e na Subdelegación do Goberno.

Sen medidas de protección contra o coronavirus nas residencias públicas de maiores, de menores e de persoas con discapacidade, colectivos merecentes dunha especial atención nunha situación de pandemia e de confinamento. Isto é o que denuncian desde CIG-Administración Autonómica. E isto cando en residencias de maiores en diferentes puntos do Estado (Madrid, Ciudad Real, Barcelona, Albacete, Gasteiz,...) detéctanse focos de coronavirus que derivaron na morte de ducias de persoas usuarias. 

“A día de hoxe, a Xunta non protexeu o persoal das residencias; non formou, nin informou de medidas de protección perante o COVID-19, para evitar o risco de contaxio tanto do persoal traballador a persoas usuarias como ao contrario; non dotou dos EPIs necesarios e suficientes ao persoal; non tomou as medidas organizativas para evitar a coincidencia de persoas traballadoras nun mesmo espazo -como o traslado do comezo de quendas uns minutos ou facer coincidir as mesmas persoas nas mesmas quendas e espazos de traballo, por exemplo-, e tampouco ten previsto, nin informado ao persoal, de que facer ao aparecer contaxios nestes centros de traballo tan sensíbeis”. Isto é o que afirma nun comunicado a cenral nacionalista, que anuncia que vai levar esta “inacción” a Inspección de Traballo e Subdelegación do Goberno.

Esta situación, afirma, é a que se vive nos centros que permanecen abertos ao ser considerados servizos esenciais: os centros de maiores de Oleiros; o Torrente Ballester; o de Carballo; o de Ferrol; o Porta do Camiño en Compostela; o Volta do Castro, tamén en Compostela; o da Pobra do Caramiñal e o do Consorcio. E de menores: o San Xosé de Calasanz e o de Atención de Menores de Ferrol. Permanecen tamén abertos os Centros de Atención a Persoas Discapacitadas da Coruña e os Centros de Atención a Maiores Dependentes de Melide e de Cerceda, ambos os dous do Consorcio.

Afirma que “nestes centros nos se están a tomar as medidas de prevención de riscos laborais necesarias para protexer nin o persoal, nin as persoas usuarias, malia ter sido requirido en numerosas ocasións, e por diferentes vías, tanto polo persoal, como polas delegadas e delegados”.

EPIs retirados

O sindicato chega a afirmar que os EPIS (equipos de protección individual) dos centros de traballo que había para atender a persoas con outras infeccións características de residencias de maiores, como máscaras ou batas desbotábeis específicas, “foron mesmo retiradas pola dirección dos centros, polo que este persoal que traballa con persoas usuarias que deberan estar illadas e cunhas proteccións específicas, non a teñen", aumentando o risco de contaxio noutras persoas residentes.

Tampouco se formou nin informou, proseguen, sobre as medidas a adoptar diante da infección do COVID 19, nin EPIS, nin como empregalos, nin que medidas hixiénicas adoptar en cada actividade.

Ademais, denuncian a escaseza de material específico (luvas de nitrilo, máscaras FFPs e FFP3, batas desbotables impermeables de manga longa, gafas de protección ou material para enfermos respiratorios…) ou ben a prohibición de usalo, dependendo do centro.

Non se fan test para confirmar contaxios

A CIG-Administración Autonómica tamén considera que é “moi grave” que non se estean facendo tests para confirmar os contaxios a ningunha persoa residente nos centros, nin ao persoa que está en corentena por sospeita de contaxio. “A consecuencia é que, xa que logo, non se toman as medidas previstas en caso de infección”.