Familiares do 'Pitanxo' piden aos concellos galegos que presionen o Goberno español para baixar ao barco

Manifestación do pasado 3 de abril para retomar a procura dos corpos dos mariñeiros desaparecidos. (Foto: Javier Vázquez/Europa Press)
Para os familiares, o feito de que Fiscalía atopase indicios de homicidio imprudente no afundimento do pesqueiro ten como consecuencia que "a escusa de non poder atopar os corpos non sexa óbice para que se acometa a baixada ao buque afundido e poder gravar como está".

Os familiares dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro galego 'Vila de  Pitanxo', afundido o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova, veñen de facer unha petición a todos os grupos políticos dos concellos galegos para que presenten unha moción conxunta que inste o Goberno español a baixar ao pecio, a mil metros de profundidade aproximadamente.

Tal como informaron á prensa, os familiares pretenden que o Executivo estatal organice e poña en marcha unha operación de traballo subacuático que permita estabelecer a localización exacta do 'Pitanxo', descender ao mesmo e elaborar un traballo fotográfico e audiovisual sobre o seu estado.

Ademais, tamén solicitan que o equipo que descenda leve a cabo un traballo de recoñecemento dos arredores e a zona exterior do buque, para intentar atopar a localización dalgún dos corpos dos tripulantes que aínda están desaparecidos.

As familias dos mariñeiros insisten en que o Goberno de Pedro Sánchez "cumpra o compromiso adquirido" de descender até o pecio, porque é "vergoñento e doloroso" a "falta de respecto" non só cos 21 falecidos, senón tamén coas súas familias e con toda a xente do mar.

Indicios de homicidio imprudente

Para os familiares, o feito de que Fiscalía atopase indicios de homicidio imprudente no afundimento do pesqueiro ten como consecuencia que "a escusa de non poder atopar os corpos non sexa óbice para que se acometa a baixada ao buque afundido e poder gravar como está".

"Por iso, máis que nunca, o visionado do estado do barco lanzaría máis datos para o esclarecemento da verdade e, polo tanto, para a investigación", engadiron.

Os familiares das vítimas lamentaron a "falta de humanidade e empatía" que supón non baixar ao barco, negando os argumentos do Executivo estatal de que a imposibilidade de atopar os corpos sexa motivo suficiente para non intentar descender ao navío afundido.

"Todos temos dereito a coñecer a verdade, e o Goberno español a obriga de procurala", reivindicaron, indicando que esta quinta feira levarase a moción ao pleno do Concello de Pontevedra e de Marín.