A familia de Darío Xohán Cabana pide retirar o seu nomeamento como fillo adoptivo de Corcubión

O escritor Darío Xohán Cabana. (Foto: Europa Press)
O escritor, finado en novembro do ano pasado, obtivo esa consideración hai menos de dous meses.

O Partido Socialista da Galiza (PSdeG) presentou unha moción para o vindeiro pleno ordinario do Concello de Corcubión na que pide, a instancias da familia de Darío Xohán Cabana, "deixar sen efecto o seu nomeamento de fillo adoptivo de Corcubión", segundo recolle o propio documento de convocatoria da sesión.

Así o solicitaron os familiares do escritor a través dunha misiva dirixida ao Consistorio de Corcubión, na que agradecen a iniciativa para concederlle a distinción, mais na que tamén explican que asumen a "difícil" tarefa de "pensar o que querería el".

O pasado 21 de maio, o escritor foi nomeado de maneira póstuma fillo adoptivo do concello, con motivo dunha moción presentada por Sempre Corcubión, que contou cos seus votos a favor, ademais dos do BNG, PP e PaCor. Pola súa parte, o PSOE, como grupo de Goberno, abstívose.

A formación argumentaba que o escritor e membro da Real Academia Galega (RAG) "recolleu a nosa vila e a nosa paisaxe e mesmo obtivo inspiración de varias persoas da nosa localidade, cumprindo sobradamente os requisitos que normalmente son recollidos en calquera regulamento de honras e distincións dunha corporación municipal".

Ademais do nomeamento, o Concello tamén acordara pór unha placa conmemorativa no xardín da Casa do Concello e reeditar as súas obras nas que máis presente está Corcubión: o poemario Patria do mar e o volume de relatos Libro dos moradores.

Dous meses despois, o pleno votará, a proposta neste caso da familia, se quita esa distinción ao escritor, finado o 17 de novembro de 2021 aos 69 anos de idade.