A falta de servizos condena o rural: 17 concellos, en "risco severo" de despoboamento

Andaina reivindicativa en defensa da serra do Courel (Foto: Plataforma Eiquí Eólicos Non).
O inzamento de parques eólicos en zonas economicamente deprimidas, a mala conexión a internet ou as eivas no transporte público son algunhas das razóns que explican a perda constante de habitantes que padecen moitos concellos do rural galego.

Segundo os últimos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, na Galiza hai 17 concellos en "risco severo de despoboamento", isto é, aqueles cunha densidade de poboación inferior a oito persoas por quilómetro cadrado (8/km2).

Trátase de Baleira, Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Cervantes, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Laza, Manzaneda, Montederramo, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Ribeira de Piquín, A Veiga e Vilariño de Conso. Aliás, outros 20 municipios teñen entre oito e 12,5 habitantes por quilómetro cadrado, polo que tamén son considerados en risco de despoboamento.

Todos estes concellos teñen unha diagnose común: a falta de servizos de proximidade e de calidade. "As causas do despoboamento son múltiples. A Xunta gábase de apostar polo rural, mais non fai un investimento real para mellorar o transporte público ou dinamizar a zona a través de proxectos atractivos", lamenta, en conversa con Nós Diario, o portavoz de Courel Vivo, Óscar Carrete.

Neste senso, salienta que Folgoso do Courel leva "moitos anos" loitando por unha residencia de maiores. "Noutro concello da zona empadroáronse 60 persoas cando abriron a súa residencia, é evidente que ter estes servizos axuda a fixar poboación", afirma.

"A Xunta gábase de apostar polo rural, mais non fai investimentos reais", di Óscar Carrete

Outra das causas que levaron Folgoso a esta situación crítica é, para Carrete, a falta dunha boa rede de conexión a internet. "A algúns lugares está chegando xa o 5G, e aquí case non podemos conectarnos ao 3G. Nestes tempos nos que o teletraballo é xa unha realidade, ninguén vai vir vivir ao noso concello se non ten cobertura", advirte.

O impacto dos parques eólicos

As "zonas economicamente máis deprimidas" son o obxectivo dalgunhas promotoras eólicas como a compañía estatal norueguesa Statkraft, que prevé instalar turbinas eólicas, entre outros lugares, en Folgoso do Courel, Laza ou A Veiga.

As compañías enerxéticas aluden nos seus proxectos aos "beneficios" que repercutirán na veciñanza a través da "creación de emprego" e "fixación de poboación no rural". Porén, segundo un informe da Asociación Eólica da Galiza —patronal do sector—, en 2019 a explotación dos parques apenas ocupaba 479 persoas no país, isto é, menos de tres por cada polígono eólico —arredor de 170 no conxunto do país—.

Muras é o municipio galego con maior concentración de muíños (381) por habitantes (619). O seu alcalde, Manuel Requeijo, sinalaba nunha entrevista a Nós Diario que, se ben Muras levaba "30 anos" perdendo poboación, antes da chegada dos primeiros aeroxeradores, "os parques eólicos tampouco supuxeron un atractivo para que viñese a xente".

"Se as cousas se tivesen feito doutro modo, se os beneficios redundasen aquí e non nunha empresa con sede fiscal en Madrid, posibelmente moitas persoas si terían contemplado vir e quedar aquí", engadía.

Outras causas

Detras da perda constante de poboación tamén se atopan outras causas como o fechamento de sucursais bancarias en concellos rurais —43 municipios non teñen ningunha oficina— ou os incendios que este mesmo verán afectaron Baleira, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel e Quiroga, entre outros municipios.