CSIF denuncia que falta de profesionais ameaza a seguridade marítima

Controlador de Salvamento Marítimo no seu posto de traballo. (Foto: Salvamento Marítimo)

CSIF denuncia a "mala xestión" de Salvamento Marítimo ao fomentar gardas en solitario sen "posibilidade de descanso", algo que desmenten desde o ente público

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) denunciou a "mala xestión" da dirección de Recursos Humanos de Salvamento Marítimo ao fomentar gardas en solitario sen "posibilidade de descanso" para os traballadores e as traballadoras, algo que desminten desde a entidade pública.

Nun comunicado, a organización criticou a adopción de medidas "unilaterais" que, segundo CSIF, "desembocarán en que os controladores fagan gardas en solitario", incluíndo as da quenda de noite.

Durante as mesmas, segundo lamentaron, o persoal deberá portar uns dispositivos de "home morto", que alerta no caso de que a persoa sufra algunha indisposición e desatenda a vixilancia.

"Non é de recibo que un servizo destas características, que até o momento era atendido por dous ou tres controladores segundo o tipo de centro, agora pase a ser atendido por unha única persoa, sen posibilidade de descanso nin de abandonar a sala, mesmo para aliviar as súas necesidades fisiolóxicas, sen que esas ausencias impliquen desatención na vixilancia", reivindicaron.

CSIF non comparte que esta decisión responda a unha vontade por parte de Salvamento de velar pola saúde e seguridade do persoal, senón que "cousifican os traballadores e as traballadoras que din protexer" e insisten en que "a verdadeira protección dos traballadores e, polo tanto, do servizo, pasa por garantir que as gardas sexan atendidas polo persoal mínimo, tal e como recolle o convenio.

Para eles, esta medida "precariza" o servizo e pon en risco non só o propio persoal, "que se verá sometido a máis estrés", senón o servizo en si mesmo, que podería quedar sen vixilancia ao non estar dotado do persoal suficiente, o cal podería desembocar, ao seu xuízo, nunha catástrofe como a do Prestige, "se os centros non contan co número conveniente de controladores".

Mecanismo de prevención de riscos laborais

Con todo, Salvamento Marítimo púxose en contacto con Nós Diario para trasladar que a situación que denuncia CSIF, a dotación de gardas cun só controlador, acontece "única e expresamente por causas sobrevidas". "Non se están implantando de maneira unilateral gardas en solitario", explican. "O que ten acontecido en moi poucas ocasións é que se, por exemplo, dous dos tres controladores programados para unha garda se poñen de baixa e Salvamento non ten marxe para cubrir estas baixas, entón o controlador dispoñíbel si ten que levar o dispositivo de home morto. Mais isto non é para nada habitual", aclaran desde Salvamento Marítimo.

Desde o ente público explican que o dispositivo de home morto é unha medida de "prevención de riscos laborais" que obedece a un requirimento da inspección de traballo que "aceptaron tanto a empresa como a parte social".

Así, foi inspección de traballo quen dispuxo que, cando por causas sobrevidas sen a antelación suficiente para organizar unha substitución, unha garda ficase cuberta cun só controlador, deberíase adoptar este dispositivo como medida de precaución. 

Salvamento Marítimo explica que o cadro de persoal "corresponde co negociado coa representación dos traballadores e das traballadoras no Convenio Colectivo". 

Alén diso, segundo explican a Nós Diario, a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima conta con medios técnicos "que permiten o traspaso das comunicacións a outro centro con carácter inmediato ou a xestión dunha emerxencia desde outro centro de coordinación se fose necesario". 

"Polo tanto, a ausencia sobrevida dun controlador nunha garda non supón ningunha incidencia operativa para Salvamento Marítimo nin moito menos unha mingua na prestación do servizo", conclúen.