Parlamento

O Parlamento insta a Xunta a investigar a multinacional Babcock polo servizo de salvamento marítimo

A iniciativa partiu do BNG e saíu adiante por unanimidade dos grupos, tras unha votación por puntos, na comisión de pesca. En concreto, aprobáronse todos os puntos orixinais do texto salvo un.
A Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento (Foto: Parlamento galego).
photo_camera A Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento (Foto: Parlamento galego).

O Parlamento galego instou o Goberno da Xunta a "levar a cabo as investigacións que determinan as posíbeis responsabilidades nas que a empresa Babcock International/Avincis podería estar a incorrer respecto das cláusulas do contrato do servizo de Salvamento marítimo da Galiza".

A iniciativa partiu do BNG e saíu adiante por unanimidade dos grupos, tras unha votación por puntos, na comisión de pesca. En concreto, aprobáronse todos os puntos orixinais do texto salvo un.

Avincis é como se chama agora Babcock (antiga Inaer), tras ser comprada polo fondo británico Ancala Partners, o mesmo que é socio de Ence.

O Bloque pedía actuacións respecto dos "incumprimentos" da empresa adxudicataria do servizo de salvamento marítimo do país.

Outros puntos aprobados

Coa proposición non de lei, a Cámara tamén pide á Xunta "determinar as responsabilidades da empresa adxudicataria en canto ás normativas que regulan as actividades que se recollen no contrato".

En terceiro lugar, reclama "aplicar as penalizacións estabelecidas no contrato polos posíbeis incumprimentos do mesmo" e, por último, de darse incumprimentos "graves", exixe "pór en marcha os mecanismos legais para a verificación da execución e cumprimento estrito do contrato coa empresa".

A situación

Tal e como informaba Nós Diario no mes de marzo, Gardacostas é un servizo público galego, dependente da Consellaría do Mar,  que enmarca labores de salvamento marítimo, loita contra a contaminación mariña e tarefas de vixilancia. Un servizo público, porén, ondeagora Avincis é a adxudicataria de operar e manter os dous helicópteros de Gardacostas, un na base de Vigo e outro na de Celeiro (Viveiro). Unha empresa privada que ten, pois, unha enorme responsabilidade nuns servizos vitais para sectores como o do mar.

Porén, e segundo denuncian desde persoal deste servizo de rescate aéreo, a multinacional acumula "moitos incumprimentos"  de cláusulas do contrato coa Xunta sen que esta "faga nada a pesar das denuncias e queixas recibidas", afirman.

Unha situación, sempre segundo estas mesmas fontes, que condiciona o propio labor e responsabilidades que desenvolven en áreas tan sensíbeis como a do salvamento. As bases de Vigo e Celeiro teñen por volta de 40 traballadores. Cada garda nunha delas operan dous pilotos, un operador de grúa e un rescatador. "Acumulamos 2.000 horas de gardas ao ano", indica un traballador do servizo, que incide na falta de persoal "suficiente" para un servizo desta responsabildiade.

Comentarios