A "falta de ambulancias" obriga persoal sanitario a desprazarse en taxi até as emerxencias

Ambulancia do 061 (Foto: Xoán Roberes).
A CIG denuncia que a falta de recursos de urxencia obrigou o persoal sanitario de Cangas a acudir pola súa conta para auxiliar as vítimas dun accidente ocorrido durante as Festas do Cristo.

Segundo explica a CIG nun comunicado, a pasada segunda feira, cando o PAC de Cangas estaba a ser atendido por unha médica menos do habitual (dúas no lugar de tres) ocorreu un accidente que afectou a cinco persoas, unha delas ferida de gravidade.

"O feito de que o non houbese nin unha soa ambulancia desocupada obrigou a mobilizar inicialmente tan só dúas sanitarias en taxi, en lugar de catro como sería o caso se houbese ambulancia dispoñíbel para atender ás cinco persoas afectadas".

A falta de ambulancias na zona fixo que a asistencia se realizase por un equipo "totalmente incompleto de Soporte Vital Avanzado", aclara o sindicato, ao non poder contar cos dous sanitarios da ambulancia e o material habitual nos vehículos do 061.

Intervención limitada

Así, a asistencia inicial no lugar do accidente realizouse co material que as dúas persoas desprazadas desde o PAC de Cangas podían transportar en taxi e coa colaboración da policía e protección civil.

"O feito de que o 061 tivese que mobilizar unha ambulancia dende Mos ao non contar nese momento con ningunha en Cangas, Moaña ou Bueu pon de manifesto a necesidade de aumentar o número de ambulancias na zona, sendo necesaria unha ambulancia máis con base en Cangas como cabaceira da comarca do Morrazo", unha demanda que a CIG reiterou en múltiples ocasións.

Demoras

O sindicato lembra que o Consello de Contas da propia Xunta da Galiza vén de publicar un informe onde se demostra, di, entre outras cousas, que os tempos de asistencia das ambulancias do 061 superan o recomendado en todo o territorio galego e que os criterios de calidade empregados para medir a eficiencia no servizo non seguen un criterio obxectivo deixando datos importantes sen analizar e excluíndo incluso a parte da poboación galega na medición da calidade na asistencia.

A CIG censura a negativa por parte do 061, "rotunda e sistemática", a achegar os datos sobre a asistencia sanitaria en Cangas solicitados en varias ocasións polo Concello, argumentando que os responsábeis municipais non precisan coñecer os datos que solicitan.

É por iso, conclúe que vén de rexistrar una solicitude na que reclama a colaboración da Policía Local para a obtención de datos cos que poder denunciar a falta de asistencia sanitaria.