Obituario

Falece Lola Ferreiro, psiquiatra que denunciou o androcentrismo na medicina

A médica, psiquiatra e feminista Lola Ferreiro. (Foto: Nós Diario)

Á última hora da segunda feira, 11 de decembro, coñecíase a morte da médica Lola Ferreiro, toda unha referente no feminismo galego e quen se afanou en denunciar o androcentrismo na medicina.

A médica Lola Ferreiro faleceu na tarde da segunda feira, 11 de decembro, de maneira repentina. Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especializada en Psiquiatría, Ferreiro foi unha das figuras máis relevantes do feminismo galego, até o punto de ser unha das fundadoras da Asociación Galega de Mulleres (AGM).

Militante, na súa xuventude, da Liga Comunista Revolucionaria (LCR), a súa preocupación pola coeducación, levouna a exercer como catedrática de Procesos Sanitarios no ensino público, desenvolvendo gran parte da súa traxectoria no compostelán IES Lamas de Abade.

Foi autora dun gran corpus teórico sobre saúde cunha perspectiva de xénero transversal, un campo que tamén explorou mediante o deseño de programas de educación para a saúde onde denunciaba a visión androcentrista da medicina. De feito, nunha entrevista concedida a Nós Diario, expresaba como o androcentrismo provocaba dificultades á hora de diagnosticar doenzas nas mulleres. "Trátase de considerar a asistencia sanitaria, a prevención e a promoción da saúde desde un só modelo, en masculino. Os homes e as mulleres temos dous patróns distintos á hora de construír a nosa saúde, e polo tanto tamén a enfermidade, e se non se considera esa especifidade estamos facendo medicina androcéntrica", advertía.

Integrante da Asociación Galega de Saúde Mental, centrou o seu estudo no campo da psiquiatría infantil e xuvenil, ao que dedicou numerosos traballos de investigación, nomeadamente sobre conduta antisocial, consumo de alcol e outras drogas, riscos da privación de liberdade e ideación suicida, entre outros. Tamén se interesou polo estudo das relacións afectivas e a educación para a saúde, e pola saúde e o xénero e formou parte do colectivo Mira por elas! en defensa dos medios públicos galegos, plataforma desde a cal denunciou a manipulación do PP.

Activista en defensa do aborto na sanidade pública e membro da Marcha Mundial das Mulleres, foi autora de traballos sobre os dereitos reprodutivos das mulleres. Ademais, escribiu investigacións ao redor de enfermidades de transmisión sexual e sobre as múltiples formas que adopta a violencia machista. Un ámbito, este último, no que destacou especialmente.

Foi colaboradora de Nós Diario, onde escribiu artigos de análise con perspectiva de xénero. A médica mostrara o seu interese por continuar a colaboración, de maneira periódica, a partir do próximo xaneiro. Tratou tema como os valores vinculados á relixión, os dereitos sexuais e reprodutivos, a cultura patriarcal, a memoria, violencias machistas, a ditadura franquista...

O falecemento de Lola Ferreiro causou gran conmoción entre o movemento feminista galego, e na cidade de Compostela, onde residiu. De feito, a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, amiga da finada, salientaba a xenerosidade da médica, a súa enerxía e a capacidade de transmitir o empoderamento das mulleres.

Tamén reaccionou ante a temperá morte de Lola Ferreiro a portavoz do BNG, Ana Pontón, quen aludiu a determinación, a alegría e, ao igual que a rexedora de Compostela, a xenerosidade dunha das referentes do feminismo galego.

Outras moitas voces do feminismo galego expresaron o seu pesar nas redes sociais, como Marga do Val e Lupe Ces.