Lola Ferreiro, doutora: "A mesma queixa cando a expresa un home é tratada con moito máis respecto"

A médica, psiquiatra e feminista Lola Ferreiro. (Foto: Nós Diario)
A atención médica tende a esquecer as cuestións que diferencian o corpo feminino do masculino. Lola Ferreiro Díaz, catedrática de Procesos Sanitarios, conversa con Nós Diario sobre a medicina androcéntrica e como isto afecta na diagnose de distintas doenzas ás mulleres.

—Que entendemos por medicina androcéntrica?

Trátase de considerar a asistencia sanitaria, a prevención e a promoción da saúde desde un só modelo, en masculino. Os homes e as mulleres temos dous patróns distintos á hora de construír a nosa saúde, e polo tanto tamén a enfermidade, e se non se considera esa especifidade estamos facendo medicina androcéntrica.

—En que casos acostuman a darse este tipo de diagnoses que ignoran as diferenzas do corpo feminino fronte ao masculino?

En moitos casos. O exemplo máis rechamante, que agora mesmo está en camiño pero aínda non resolto, é o infarto de miocardio. Unha das cuestións que nos preocupa é que se entende que a saúde das mulleres especificamente se sitúa no aparato xenital, e isto non é certo. Evidentemente é distinto e polo tanto hai diversas patoloxías que afectan uns e outras en función da configuración anatómica e fisiolóxica, pero sobre todo, alén do corpo, o eido emocional das mulleres é distinto. 
As mulleres construímos a nosa saúde con dúas eivas moi importantes, a negación e a agresividade reprimida, que se volve contra nós mesmas, e todo iso provoca unha serie de problemas na saúde física, emocional e social. 

—Logo non se atende igual unha consulta médica dunha muller que a dun home.

Carme Valls, médica catalá que ten varios traballos sobre o tema, sinala que as queixas das  mulleres na primeira consulta son en 25% dos casos consideradas psicosomáticas antes de calquera exploración, isto é, que é un mal físico que procede dun mal emocional. Pero detrás desa realidade, que me parece sangrante, hai unha construción perversa que subxace que é que se di que somos unhas histéricas. A mesma queixa cando a expresa un home é tratada con moito máis respecto.
Naturalmente hai problemas psicosomáticos, que están aí... De feito, todas as enfermidades son psicosomáticas ou somatopsíquicas. Pero antes de pór unha etiqueta a ninguén ou a ningunha patoloxía haberá que explorar a paciente, facer as probas que se estimen necesarias...

—Vostede exemplificaba recentemente esta cuestión en Nós Diario co caso da fibromialxia.

En primeiro lugar, sospeito que moitos casos de fibromialxia non son tales, e en segundo, os que si o son haberá que tratalos dunha forma moito máis integral, tendo en conta as peculiaridades actitudinais das mulleres... Pero non, aquí se tratan con psicofármacos, sobre todo con antidepresivos e ansiolíticos. A muller está adormecida, ou moi diminuída nas súas facultades intelectuais en razón da medicación, pero dóelle igual.

—Son os fármacos a solución ao problema?

O problema non só non acaba senón que se xera outro. Desde antes da pandemia xa existía este problema, hai unha falta de recursos públicos absoluta para a asistencia sanitaria, sobre todo en materia de saúde mental, aínda que tamén noutros ámbitos como a Atención Primaria. Non hai recursos humanos suficientes, non hai formación en ciencias da saúde con perspectiva de xénero... Unha intervención como é debido nun problema crónico deste tipo levaría un tempo que a sanidade pública non ten, porque o persoal médico non ten máis que cinco minutos para atender cada persoa. Ante este gran problema, prescríbense psicofármacos non só para a fibromialxia, senón para calquera tipo de problema no que se atisbe unha compoñente emocional. É tremendo.

Perspectiva de xénero desde as facultades

A doutora Lola Ferreiro fai fincapé na necesidade de incorporar a perspectiva de xénero na formación médica: "Nalgunhas facultades do Estado estase a incorporar unha materia de xénero, que ás veces é optativa e outras obrigatoria, mais cando é así dáse no primeiro curso, cando aínda non teñen case coñecementos de Medicina", explica. Esa falta de formación prodúcese tamén unha vez rematada a carreira, xa que "as profesións vinculadas coa saúde requiren especialmente dunha formación permanente e continuada", enfatiza Ferreiro. Así, prosegue, "da mesma forma que ten que facer determinados cursos, o persoal debera formarse en materia de xénero". Mais, se nas facultades non se estuda, tampouco poderá facerse no hospital: "Se a xente non está formada non pode formar despois. É a pescada que morde a cola", conclúe.