Falece un home en Vilalba tras incendiarse a súa vivenda por completo

Un vehículo de bombeiros durante unha intervención en Bueu (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Unha vivenda en Ourense e un edificio en Miño tamén sufriron os efectos do fogo.

Un home perdeu a vida na localidade de Vilalba, na comarca da Terra Chá, tras incendiarse a súa vivenda por completo no lugar de Sixto.

Segundo trasladou o 112 Galiza, os feitos sucederon sobre as 20 horas deste sábado. A esa hora, a central de emerxencias recibiu a chamada de varias persoas particulares e tamén da Garda Civil, que informaban deste incendio.

Con estes datos, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vilalba e dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil, así como dos servizos sanitarios.

Xa no punto, os bombeiros atoparon o corpo sen vida do home no interior da casa, que resultou totalmente calcinada e o tellado e as paredes colapsaron debido aos efectos do fogo. Ademais, tamén foi necesaria a intervención dun retén do distrito forestal da zona para controlar que o incendio non chegase ao monte.

Incendio nun salón de Ourense

Por outra parte, o 112 Galiza tamén informou dun incendio que calcinou o salón dunha vivenda en Ourense. En concreto, na rúa do Castelo Ramiro. Dúas persoas necesitaron asistencia ao resultar intoxicadas por inhalar fume e sufrir queimaduras polo que tiveron que ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia.

O fogo, que se iniciou sobre as 2 horas da madrugada deste domingo, calcinou o salón do domicilio e o fume afectou o resto da casa. O 112 Galiza mobilizou até o lugar aos Bombeiros de Ourense, á Policía Local, a Protección Civil e a Urxencias Sanitarias da Galiza-061.

Edificio desaloxado en Miño

Tamén na madrugada deste domingo o 112 Galiza tivo coñecemento dun incendio nunha terraza dun edificio da rúa Carreira, na localidade de Miño, na comarca de Betanzos, polo cal tiveron que desaloxar o inmóbel, de seis plantas, como medida preventiva.

Segundo trasladou a central de emerxencias, o fogo, que se iniciou sobre as 4 horas, calcinou unha cuberta na primeira planta e tamén afectou as xanelas dunha vivenda no segundo piso. Os xestores do 112 Galiza requiriron a intervención dos Bombeiros de Betanzos, da Garda Civil e do Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061.