Falece aos 99 anos o fotógrafo compostelán José Guitián

Fotografías realizadas por José Guitián. (Foto: J. G.)

A súa obra é testemuño da vida compostelá da segunda metade do século XX

O fotógrafo José Guitián faleceu esta quinta feira, 28 de marzo, aos 99 anos de idade.

Guitián foi un dos composteláns que máis e mellor sentiu latexar a vida da capital galega. Viuna pasar cada día ante o obxectivo da súa cámara durante máis de catro décadas, desde finais dos anos corenta ata a súa xubilación en 1989, chegando a fotografar tamén as irmás María e Coralia Fandiño.

Tras vivir os seus primeiros anos en Cuba, a onde emigraran os seus pais, a familia instálase en Compostela en 1936, cidade onde pouco despois aprende a profesión de fotógrafo, da que se namora, ao mesmo tempo que o fai da cidade, que converterá no gran obxectivo do seu traballo e da súa vida.

Formado con fotógrafos locais da talla de Ksado e Almeida, a primeiros dos anos cincuenta comeza a traballar de xeito autónomo montando o estudio Foto Guitián, que lograría gran sona.

Especializado no retrato e a fotografía científica, dedica tamén tempo a deixar en imaxes a cidade mesma -aí está a súa famosa serie de nocturnos-, as súas xentes e os seus costumes.

Pola súa cámara pasa, xa que logo, a evolución urbana e humana compostelá da segunda metade do século XX. As súas fotografías son, a día de hoxe, un verdadeiro testemuño da vida compostelá durante catro décadas.