'Fala Baixiño', a campaña do Concello de Compostela e a hostalaría que anima a facer compatíbeis o lecer e o descanso

Serxio Fernández, Goretti Sanmartín, Jesús Peón e Lucía Vázquez (Foto: Eva Cid Rivas).
O Concello de Compostela e a hostalaría presentan a campaña 'Fala Baixiño'.

O Concello de Compostela anunciou onte en rolda de prensa a volta da iniciativa 'Fala Baixiño', unha campaña que ten por obxectivo a sensibilización e concienciación da poboación do nivel de ruído que ás veces se alcanza no lecer e como este perturba o descanso das persoas que tentan durmir e descansar. 

Esta nova edición do xa afamado 'Fala Baixiño' regresa á capital do país xusto antes de que comecen as festas de Nadal, unha época na que os reencontros coa familia e as amizades acaban por causar momentos de algarabía que, de maneira non intencionada, interrompen o descanso do resto das persoas.

Goretti Sanmartín, a alcaldesa de Compostela, aseverou que esta campaña é necesaria e que o Concello ten intención de volver sacala cada certo tempo para recordar á  xente a importancia de manter o ton baixo pola noite: "É unha campaña que, aínda que a comecemos agora no mes de decembro, nós querémoslle dar continuidade". Por outro lado, a rexedora falou da nova imaxe renovada do cartel: "Fixemos un cambio de cor pondo neste caso o amarelo polo seu sentido no código de circulación, pois significa coidado e precaución".

Na rolda de prensa tamén participaron representantes de varias asociacións de hostalaría da cidade que aseguraron que a campaña será un éxito: "Penso que se funciona como funcionou noutras ocasións, será un éxito", afirmou Serxio Fernández, da asociación Hoslataria.gal. Pola súa parte, Lucía Vázquez, da asociación de Bares, Pubs e Discotecas, aseverou: "Funciona moi ben, pode parecer superficial pero realmente non o é. A xente é cívica na súa maioría, é amábel e só quere saír e divertirse". 

Desde o Concello e as organizacións esperan que a mensaxe cale e todas falemos baixiño pola noite e, para iso, na imaxe do cartel aparece Maruxa, irmá de Coralia, as coñecidas como As Marías.

Para o lanzamento desta campaña, "botamos man de Maruxa, a maior e a máis baixiña das irmás, que nos chisca un ollo e, con complicidade, nos insta a baixar o volume con ese xesto universal que consiste en poñer o dedo índice sobre os beizos", sinalou Sanmartín.

Esta semana xa comezou a verse esta campaña na rúa, na traseira de buses urbanos (en 2) e en 34 MUPIS colocados en diversos espazos da cidade, "porque é na rúa onde debemos coidar o noso comportamento e o espazo de socialización onde corremos o risco de causar molestias cando nos xuntamos en grupo en momentos de lecer e diversión", subliñou a alcaldesa.

A través das Asociacións de Hostalaría distribuiranse folletos de man coa mensaxe da campaña, e aos locais proporcionaráselle unha placa de xeito que poidan dispoñer de elementos perdurábeis no tempo.

Ao finalizar a rolda de prensa a alcaldesa agradeceu a colaboración das tres asociacións na difusión da campaña, que "continuará con novas accións sorpresa que iremos desvelando no seu momento".