Faia Díaz: "No momento en que traemos a tradición á actualidade xa é moderna"

Imaxe da entrevista a Faia Díaz que publica este sábado 17 de outubro ''Sermos Galiza' (Foto: Nós Diario)
No semanario Sermos Galiza, que atoparás este sábado nos quiosques ou para a súa lectura na nube acompañando a Nós Diario, Montse Dopico entrevista a artista Faia Novo. Tamén poderás aprender máis sobre as algas, de abono a alimento e elemento a protexer nas costas galegas; ou sobre Ramón de la Sagra no París revolucionario. 

Nunhas poucas semanas, Faia Díaz recreou un día coas vacas inspirado en receitas de cociña no festival Plataforma, deixou abraiado o público do Maré coa súa versión do Cantar Alentejano ou do Cantar Galego de Zeca Afonso e mostrou no Museo do Mar, no Cantas Verbas, de que xeito decrecer en recursos nun escenario pode ser unha das mellores maneiras de recrear a tradición musical oral transmitida por mulleres. Faia é unha das artistas máis interesantes do actual panorama musical galego. Falamos dos seus diversos proxectos.

Ao cabo leirín, a canción que dá título ao disco, é da montaña de Lugo. Cal é a súa historia?

—Cantábase moito na miña familia, pero é do arquivo de Antón Castro, que gravou a Lidia Gómez no colexio de San Román de Cervantes no 1999. Eu fun coñecer a Lidia a Lugo e ela explicoume que o cabo do leirín é o final do leiro, dunha leira pequena. Nas coplas tradicionais hai bastantes referencias a iso, ao cabo do leiro, nos cantos de sega. Están no cancioneiro de Dorothé Schubarth, por exemplo.

—Decidiu gravar un disco coa voz espida e co son ambiente -unha taberna, un roupeiro...- porque é así como cantaban elas, as transmisoras da tradición, na súa vida cotiá?

—Hai algo diso pero foi tamén por azar. O proceso de gravación foi experimental e longo. Probamos en moitos sitios diferentes e despois fixemos unha escolla cun criterio estético. Si que decidimos previamente que non ía levar arranxos. Buscamos espazos afastados do que sería un estudo de gravación e conectados coas letras das cancións ou co que a Hevi, que fixo todas as gravacións da cara A do disco, e a min, nos inspiraban.

—Reivindica vostede as mulleres non só como transmisoras da tradición oral, senón como intérpretes. Por que o considera necesario?

—Porque son boas intérpretes. Que alguén cantase ben é algo que sempre se valorou. Pero aínda hoxe se mantén o nesgo machista de pensar nas mulleres como transmisoras e os homes como intérpretes. E non era así. O que pasa é que coa música tradicional non ten sentido falar de autoría no sentido que ten hoxe. As mulleres sabían cantar e inventaban coplas que chegaron a nós como anónimas.

—Hai unha peza que fora gravada por Alan Lomax nos anos 50…

—Si. Alan Lomax gravou en 1952 en Corcubión a Manuela Sande, que era de Brens, Cee. Eu falei coa filla dela. Esta peza non estaba editada, aínda que forma parte do arquivo dixital de Alan Lomax. A letra é un poema de Ramón Cabanillas, Almiña tola, de No desterro. De todo o disco é a única que non ten unha melodía tradicional. Aínda estou investigando e non sei cando foi escrita. Tiven que chamar á libraría do Congreso dos Estados Unidos para que me pasasen a peza en boa calidade…

 

Lembra que podes ler todos estes contidos no Sermos Galiza que acompaña todos sábados Nós Diario. Podes atopalo nos quiosques ou para a súa lectura na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes inscribirte nesta ligazón.