O persoal facultativo do Hospital de Verín asina un manifesto no que demandan poñer fin "ao seu desmantelamento"

Manifestación contra o desmantelamento de servizos no Hospital de Verín en 2018 (Plataforma na Defensa da Sanidade Pública-Monterrei)

34 facultativas e facultativos do Hospital de Verín asinaron esta segunda un manifesto, dirixido ao xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, no que demandan “o cese do desmantelamento” do centro. As profesionais afirman que a decisión de pechar o paritorio e as urxencias pediátricas é “meramente política” e consideran “insuficiente” a proposta da Xunta de ofertar dúas prazas temporais de pediatría.

 

Sermos Galiza tivo acceso ao manifesto asinado por 34 profesionais sanitarios do Hospital Público de Verín, no que denuncian o desmantelamento do centro e reclaman solucións. A continuación, reproducimos integramente o texto:

 

Manifesto dos facultativos do Hospital de Verín

Ante o desenvolvemento de acontecementos tan importantes e decisivos como o peche do paritorio e eliminación das urxencias pediátricas do Hospital Público de Verín os abaixo asinantes expomos:

-Remarcamos a nosa desaprobación ao peche do paritorio e das urxencias pediátricas do Hospital de Verín, deixando unha área sanitaria sen cobertura especializada necesaria para a adecuada atención de ditos pacientes.

-Opinamos que é unha decisión meramente política, non baseada en estudos científicos acertados, apoiándose en decisións de sociedades específicas con posíbeis intereses.

-Debería terse en conta a opinión de outros profesionais, como por exemplo o presidente da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía, o doutor Casimiro Obispo, e o xefe de Xinecoloxía do Hospital Público de Valdeorras, o doutor Sergio González, que discrepan cos argumentos esgrimidos polo presidente da Xunta e demais, afirmando que “o Sergas non ten en consideración as sociedades científicas para a toma de decisións”.

-Ter en conta que o argumento que se esgrime domo “baixa taxa de partos” non só acontece neste hospital, funcionando sen incidencias noutros hospitais comarcais.

-É intolerábel e inconcibíbel a explicación da Xerencia do Sergas a propósito da falta de “calidade” e de pericia profesional sen posuír datos obxectivos nin criterios imparciais.

-A atención pediátrica non só cubre ao neonato ou recén nado, se non que debe valorarse toda a poboación pediátrica (crianzas entre 0 e 14 anos) que vive ou se despraza á comarca de Monterrei. Calcúlase que aproximadamente hai 2.137 crianzas en idade pediátrica censados na comarca (segundo datos de 2018) que precisan eventualmente asistencia hospitalaria urxente.

-A solución ofrecida pola Xerencia do CHUO ante a falta de pediatra/neonatólogo parécenos insuficiente. Tanto os médicos do Punto de Atención Continuada (PAC), servizo de urxencias hospitalarias e servizo de anestesia opinamos que se producen feitos de intrusismo nas funcións que son competencias exclusivas dos especialistas de pediatría, so cales están preparados e adestrados para a atención do paciente crítico, grave ou menos grave e do manexo de posterior inmediato. Esta tarefa víñase realizando desa forma no Hospital de Verín até a data do peche do paritorio.

-Parécenos insuficiente a solución ofrecida pola xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) sobre o traslado interhospitalario do paciente neonatal desde o noso centro ao hospital de referencia, que se propón da seguinte forma: “co obxecto de garantir a calidade e a seguridade na atención aos nenos e nenas da comarca de Monterrei, deberase manter o manexo compartido, xunto co servizo de pediatría do CHUO, daqueles casos que non podan ser resoltos polo citado servizo, tal e como se viña facendo até o momento. Aquelas situacións clínicas en menores de 3 anos (excepcionais, segundo os datos históricos) que requiran de traslado ao CHUP para a súa atención con soporte médico especializado (pediatra) serán asumidas pola garda de pediatría”.

Pensamos que a solución ofrecida é pouco segura para a saúde do neonato debido á demora que se produce tanto na atención inmediata como no adecuado seguimento posterior. Ademais, ditas directrices iniciais non fan referencia ao resto da patoloxía pediátrica atendida nos servizos de urxencias, que era prestada por parte do pediatra de garda nos casos de patoloxía non banal.

-Opinamos que se tomou unha medida non acorde ao noso parecer e ás especiais características dun hospital comarcal, de forma arbitraria e sen previo aviso aos facultativos deste hospital, co conseguinte prexuízo na atención ofrecía aos pacientes e afectando claramente ao noso traballo e asistencia tal e como viñamos facendo até agora. Suspendeuse a actividade do pediatra de garda sen poñer sobre a mesa un protocolo claro de actuación que garanta a atención aos pacientes pediátricos.

-A urxencia pediátrica representa un dos servizos asistenciais máis importantes ao que son remitidas crianzas con problemas moi variábeis. O especialista en pediatría debe discernir que enfermo precisa ingreso inmediato, observación hospitalaria ou pode ser enviado ao seu domicilio sen rico importante, sendo o seu papel imprescindíbel no manexo da urxencia. Desde a creación do Hospital de Verín esta actividade foi sempre desempeñada polo pediatra de garda localizada.

A urxencia pediátrica debe adaptarse ás demandas da sociedade actual, que esixe inmediatez as 24 horas do día e unha maior especialización do persoal sanitario que a atende, tendo en conta as seguintes recomendacións:

a. Consideracións do Valedor do Pobo á Consellaría de Sanidade para a planificación do servizo de pediatría no Sistema Galego de Saúde (Sergas).

b. Plan Estratéxico Nacional da Infancia e Adolescencia (2013-2016).

c. Lei 2/2016 de protección do menor de 14 de xuño do Dereito Civil da Galiza.

d. Declaración de Dereitos do Neno da ONU do 20 de novembro de 1059.

-Debemos, por último, facer fincapé no problema da falta de persoal e medios materiais no Hospital de Verín, provocando unha situación de grave precariedade que debe ser solucionada á maior brevidade, sendo incompatíbel coas decisións tomadas nos últimos días e meses, que evidencian o desmantelamento progresivo de servizos como cirurxía, traumatoloxía, xinecoloxía, anestesia, medicina interna, unidade de coidados paliativos e hospitalización a domicilio (HADO), xunto con outras especialidades como dermatoloxía, cardioloxía ou psiquiatría.

Polo tanto, os abaixo asinantes solicitamos o cese deste desmantelamento xunto a unha reestruturación hospitalaria integral, propoñendo como opción específica que se convoque oficialmente unha Oferta Pública de emprego extraordinaria nas especialidades con necesidades para cubrir as prestacións necesarias para a poboación.