Xerencia presiona as persoas pechadas no Hospital de Verín

Feche esta segunda feira no Hospital de Verín. (Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei)
O xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) da Área Sanitaria de Ourense, Felix Rubial, prohibe ás traballadoras e veciñas que realizan o peche facer uso das instalacións da cantina, segundo denuncian as propias afectadas.

Desde o 2 de decembro traballadoras do Hospital de Verín e veciñas da comarca de Monterrei fan quendas para manter un peche de protesta, co que queren reivindicar a repertura do servizo de partos e de urxencias pediátricas. A presidenta da comisión do centro hospitalario, Rosa Eva, explica a Sermos Galiza, que lonxe de diminuír, cada vez máis persoas involúcranse participando nas quendas. "Temiamos que durante as datas próximas ao Nadal e durante as celebracións decaese a asistencia, mais sucedeu xustamente ao contrario", celebra.

No marco desta protesta as participantes decidiron cear na cantina do centro hospitalario. "Dá servizo até as once da noite, cando a partir de entón quedan en funcionamento máquinas expendedoras xunto ás mesas", narra Rosa Eva, "puxemos unha lista para explicar que ceariamos alí e para que a xente se apuntase". A traballadora do centro recalca que en ningún momento as integrantes do peche trataron de organizar unha celebración ou evento festivo. "Mais o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Félix Rubial, enviou un correo dirixido á comisión na que nos prohibiu facer uso das instalacións".

Na misiva, á que tivo acceso este medio, o Rubial escribe que a cea "é contraria a finalidade do centro" por considerarse "un uso indebido e inadecuado das instalacións". "Non quixemos responder pois non queriamos aumentar a tensión ou ceder a este tipo de presión, mais como traballadora sabemos ben que uso debemos dar as instalacións", replica Rosa Eva. Paralelamente ao peche a pasada segunda feira tivo lugar unha nova protesta, desta volta en Ourense e organizada pola Marcha Mundial das Mulleres.  Ante a nova biblioteca da cidade, que foi inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reclamaron que "Verín non se pecha!". 

Un centro sen xerente
A presidenta do comité tamén informa que desde que tivo lugar o derradeiro nacemento dunha crianza en Verín, na madrugada do 12 de decembro, nin o xerente do centro hospitalario comarcal, Miguel Abad, nin a subdirectora de Enfermaría, Consuelo Abalde, acudiron aos seus postos de traballo. "Desde ese día non volveron pasar polo hospital", explica Rosa Eva.