A Facultade Ágora reclama cidades nas que as persoas sexan a prioridade

Intre da sesión da Facultade Ágora con María Purificación Neira. (Foto: Rafa Estévez)
María Purificación Neira, dirixente da OMS, fixo un chamamento esta sexta feira na segunda sesión da Facultade Ágora para elixir ben os representantes políticos, e usar o voto para impoñer mellores propostas urbanísticas.

“Hai unha cousa que se chama voto. Exerce o teu voto ben! Exerce o teu dereito de cidadá a influenciar a outros! Analiza quen ofrece as mellores planificacións urbanísticas!” reclamou á poboación María Purificación Neira, directora do Departamento de Saúde e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), esta sexta feira na Facultade Ágora.

O foro, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para formar persoal público de distintas disciplinas no desenvolvemento dos espazos urbanos, tratou nesta segunda sesión o “hábitat saudábel e biodiverso”.

Na súa intervención, Neira tamén tivo palabras para as alcaldesas e alcaldes, salientando a súa función á hora de xestionar políticas de mobilidade, transporte público, de planificación urbana e de espazos públicos que prioricen as persoas.

“Nós dicimos que son ministros de saúde porque teñen nas súas mans a capacidade de crear as condicións que van influenciar a saúde e benestar das persoas”, incidiu a dirixente da OMS, que lles lembrou como “mellorar a vida nas cidades, de aparcamento, de transporte, dá votos, crédeme!”, reclamou.

Asemade, sinalou que a pesar das queixas en procesos como as peonalizacións, “hai miles de experiencias arredor do mundo nas que os que protestaran cando se quitou o tráfico, meses despois non querían volver atrás”.

Outro dos participantes no seminario foi o biólogo Josep Selga, cunha década de experiencia no Concello de Barcelona e profesor de arboricultura urbana na Universidade Complutense de Madrid, que detallou como “non se trata de botar a natureza fóra da vila, senón de que a vila forme parte da natureza”.

Ao tempo, reiterou que “o futuro da especie humana xógase na casa, non se xoga no Amazonas nin nos parques naturais: xógase ao lado da nosa casa, na nosa rúa, nas nosas prazas”.

Por outra banda, o médico xefe de pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Adolfo Baloira, indicou que “hai cidades deseñadas para a saúde e outras que o son para o contrario”, subliñando que a cidade ideal ten que ter un tamaño razoábel -até 100.000 habitantes- e zonas chas e peonís con moito espazo verde, mantendo a polución lonxe da urbe.

A profesora da Escola de arquitectura da Universidade da Coruña durante 17 anos, Isabel Aguirre de Úrcola, profundou na necesidade dun cambio da perspectiva política, “se os alcaldes souberan a cantidade de votos que dá pór verde nas cidades, estarían todo o día plantando árbores”, asegurou.