Facua denuncia Air Nostrum por deixar persoas en terra no voo Vigo-Madrid para ceder o avión ao Sevilla FC

O aeroporto vigués de Peinador (Foto: Europa Press).
A aeroliña cancelou o voo á capital do Estado español para destinar ese avión ao traslado do equipo andaluz a Sevilla.

Facua anunciou esta segunda feira a interposición dunha denuncia contra a compañía aérea Air Nostrum por deixar "en terra" decenas de persoas viaxeiras do voo Vigo-Madrid das 21.40 horas do pasado sábado, para ceder o avión ao Sevilla FC, cuxo equipo xogara horas antes en Balaídos contra o RC Celta.

Segundo lembrou Facua, a aeroliña cancelou o voo á capital do Estado español para destinar ese avión ao traslado do equipo andaluz a Sevilla, xa que a aeronave que ía levar os xogadores sufriu unha avaría. A organización presentou denuncia ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e ante o Ministerio español de Consumo, e advirte de que "o incumprimento contractual no que incorreu a aeroliña supón unha infracción á normativa de protección dos consumidores, polo que debe ser obxecto de sanción por parte das autoridades de consumo".

As persoas afectadas atopábanse no aeroporto de Peinador á espera de coller un avión con destino a Madrid cando a aeroliña lles informou de que cancelaban o seu voo, que xa acumulaba atraso por malas condicións meteorolóxicas. Así, Facua explicou que unhas 80 persoas viaxeiras, que se atopaban xa na zona de embarque, viron como a aeroliña lles negaba o acceso ao avión para cederllo aos membros do club sevillano.

A única opción que deu a compañía ás persoas afectadas foi volver á mañá seguinte ao aeroporto para coller un autobús con destino a Madrid ou esperar a poder tomar un novo voo na xornada desta segunda feira. Air Nostrum emitiu un comunicado pedindo desculpas polos "prexuízos" causados "por un lamentábel erro atribuíbel unicamente á compañía". Ademais, avanzou que contactaría con todas as persoas viaxeiras para "compensarlles polas molestias causadas".

Falta de información

Facua fíxose eco dalgunhas das queixas das persoas afectadas, que aseguraron que a compañía "non lles facilitou en ningún momento información sobre os dereitos que lles asistían debido á cancelación do seu voo". "Só nos deron unha folla de reclamacións para que enchésemos, mais sen dicirnos nada máis", explicou á asociación un dos pasaxeiros.

Segundo sinalou, Air Nostrum non facilitou transporte até Vigo ou aloxamento, e iso a pesar de que o Regulamento Europeo 261/2004 recolle a obrigación da aeroliña de dar "aloxamento nun hotel" e "transporte entre o aeroporto e o lugar de aloxamento". Por este motivo, ademais de interpor as denuncias ante as autoridades de Consumo, Facua tamén se dirixiu á Axencia de Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para instarlle a investigar e vixiar que Air Nostrum cumpre coas súas obrigacións.

Segundo a normativa, Air Nostrum debería entregar non só as compensacións ás que teñen dereito as persoas usuarias de voos cancelados, senón tamén reembolsar todos os gastos de transporte, aloxamento e comida que tivesen que soportar as persoas afectadas. Para o caso de voos de até de 1.500 quilómetros a compensación que as aeroliñas deben entregar ás persoas viaxeiras é de 250 euros. Igualmente, tamén debería compensar calquera outro tipo de danos e prexuízos, xa sexan económicos ou morais, que puidesen sufrir como consecuencia desta situación.