Un novo incendio no parque natural do Xurés eleva a 353 as hectáreas queimadas este inverno

Traballadores forestais observan os danos ocasionados polo recente incendio forestal en Salgueiros, no concello de Muíños. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Neste espazo natural arderon perto de 162 hectáreas.

A Consellaría do Medio Rural vén de dar por extinguido un incendio forestal rexistrado no municipio de Lobios (comarca da Baixa Limia), en concreto, na parroquia de Araúxo, que afectou un total de 2,4 hectáreas. Delas, 1,9 estaban dentro do parque natural da Baixa Limia-Xurés.

Segundo informou Medio Rural, o fogo quedou extinguido ás 3.30 horas da madrugada deste domingo despois de iniciarse ás 1.20 horas. As chamas afectaron maiormente superficie de monte raso (1,5 hectáreas), e o resto, con árbores (0,4). Na extinción deste incendio participaron un total de catro brigadas, tres motobombas e un axente.

Esta mesma semana outro fogo xurdido en Bande entrou no parque da Baixa Limia-Xurés, deixando unhas 0,24 hectáreas calcinadas. Aliás, a comezos de febreiro outros tres incendios, orixinados en menos dunha semana, afectaron o mesmo espazo natural.

O de maior magnitude foi o que se iniciou en dous focos en Portugal e entrou na Galiza polo concello de Muíños, cun balance de 160 hectáreas de terreo queimado dentro do parque. Os dous restantes, un tamén en Muíños e outro en Calvos de Randín, arrasaron menos de 0,1 hectáreas.

Noutros puntos do país como A Gudiña (comarca de Viana) e Carnota (Muros) tamén ardeu o monte este inverno. No primeiro caso, un incendio afectou 65 hectáreas o pasado día 13; no segundo, foron perto de 125 hectáreas, nun fogo extinguido horas despois.

E o incendio dun aeroxerador dun parque eólico de Viveiro afectou tamén unha cativa porción de terreo, menos de 0,1 hectáreas, o pasado 24 de xaneiro.

En total, ao longo do presente inverno arderon arredor de 353 hectáreas de monte na Galiza, segundo os datos facilitados até o momento por Medio Rural.