A externalización da TVG enriquece, cun programa, o audiovisual madrileño

Rodrigo Vázquez e Roberto Vilar, no 'Quen anda aí?'. (Foto: TVG)
A crecente externalización da grella da TVG non só se traduce nun progresivo desmantelamento do medio, senón que nalgúns casos nin sequera reverte no audiovisual galego. Un dos programas contratados, 'Quen anda aí?', prodúceo a empresa madrileña Verallia, do grupo Vocento, dirixida por Carlo Boserman.

As tardes da TVG están marcadas por Quen anda aí?, programa que se roda no estudio Tex 45 de Ordes. O formato consiste en tres horas de directo conducidas por Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez, no que se alternan conversas en plató, con convidadas e convidados que protagonizan historias cotiás, e conexións desde distintos puntos da nosa xeografía. Trátase dunha produción contratada a fóra, como a maior parte da grella actual do medio. Neste caso, a responsábel é Verallia, empresa do grupo español Vocento, que aglutina máis dun centenar de marcas, entre cabeceiras de prensa como ABC ou El Correo, revistas ou produtoras.

Quen anda aí? é "só un exemplo máis da estrepitosa externalización á que está exposta a CRTVG", afirman desde Defende a Galega, plataforma que hoxe alcanza a súa sexta feira negra número 145. "Este caso é, se cadra, máis grave porque a empresa contratada para levar a cabo este espazo de entretemento non é galega, algo que non se entende", explica a plataforma.

Verallia é unha produtora de contidos audiovisuais presente en múltiplos medios estatais e tamén internacionais, con sede en Madrid, se ben o programa se grava na Galiza. Neste senso, desde Defende a Galega remiten ao cumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza, de 2011, en cuxo apartado C se recolle o "fomento da produción audiovisual propia", que "á marxe dos Telexornais e dos programas meramente informativos", apenas existe.

A externalización nutre o desmantelamento

De feito, sobran os dedos das mans para contar a programación propia da canle pública de televisión, mentres a de radio aínda logra conservar un índice máis elevado de programas que se fan na casa. Bos Días, Galicia Noticias, os telexornais, Vivir Aquí, Vivir o mar e Labranza son, xunto a algunha coprodución, practicamente os únicos superviventes.

Desde a CRTVG abstéñense de facer valoracións sobre o fenómeno e remiten aos datos de porcentaxes de produción, que son públicos, e que se atopan na memoria anual, accesíbel no seu Portal de Transparencia. Os últimos son de 2019 e Alfonso Sánchez Izquierdo salientaba na súa presentación que 96% dos contidos eran de orixe galega, algo insólito no panorama televisivo das canles non xeneralistas.

Mais esta cifra esmagadora (calculada sobre o tempo de emisión, non sobre o número de programas) vén de aglutinar dous tipos do que se denomina produción propia: a interna (49,7% na canle principal), que fai a casa, e a externa (45,95%), que se encarga. Ese 4,35% restante responde á chamada allea, que consiste en mercar produtos xa feitos, fundamentalmente, no caso da CRTVG, filmes ou debuxos animados.

As traballadoras e traballadores do medio levan moito tempo denunciando unha externalización que non pode entenderse senón como parte dun proceso de desmantelamento progresivo da canle pública. "O obxectivo desta dirección é quedar só cun grupo moi reducido para os informativos, e non todos", pois unha boa parte, como os directos, está xa derivada a produtoras que non son persoal da casa, nin a parte técnica nin os xornalistas. Así o explica Raquel Lema, responsábel da CUT no medio, que lembra que isto non é casual, senón que favorece a manipulación informativa. "O desmantelamento é o modelo de medios públicos, e de todo o público, que quere o Partido Popular", denuncia.

Defende a Galega destaca igualmente esta estratexia de desartellamento como "unha das nosas maiores preocupacións e denuncias" desde o comezo. "Non só é unha realidade senón que nos últimos anos o descenso de produción propia en favor da subcontratación adquire cotas tan elevadas que nega toda a razón de ser dos medios públicos", advirten. Aliás, sinalan que este tipo de prácticas alimentan a precariedade laboral: "O feito de que cada día haxa máis espazos de produción allea repercute directamente no cadro de persoal da CRTVG e en moitos casos merma a calidade da grella". Pois "canta máis produción allea, menos contratación e menos rendibilidade dos recursos públicos. E, por suposto, máis contratación en precario fóra da CRTVG". A conclusión téñena clara: "Mal para todos".

"É importante fomentar a produción allea, porque somos o motor do audiovisual, mais na xusta medida. Hai tempo e espazo para todos", apuntan desde Defende a Galega. Por outra banda, este tipo de externalizacións xa teñen xerado polémica pola pouca adaptación á vocación de servizo público que rexe o medio. Un dos exemplos máis escandalosos atopámolo anos atrás da man dunha empresa audiovisual que publicaba un anuncio en español nas redes sociais solicitando unha familia para participar no programa coa "mamá sexy, guapa e preocupada pola súa imaxe".

Contidos que non son servizo público

Os platós de San Marcos teñen po e ás unidades móbiles vailles saír ferruxe de non usalas. Mentres espazos de rodaxe permanecen baleiros, "o prime time está copado por programas feitos por outras empresas", din desde Defende a Galega. Estes contidos, como se vén denunciando desde hai tempo, van con frecuencia contra os principios básicos que deben guiar a programación das canles públicas, adaptados a esa vertente máis comercial da competencia pola audiencia. En troques de potenciar fortalezas como a implantación territorial, a proximidade coas fontes ou o despregue coas delegacións territoriais, desenvólvense formatos que entren no xogo, mesmo acudindo á televisión como espectáculo.