Unha exposición itinerante para conmemorar o Ano das Irmandades

[Irmandades da Fala]

Ora galega está a organizar un autobús que percorrerá o país para dar a coñecer a organización nacionalista no seu centenario.

Con motivo do Ano das Irmandades, proclamado pola Xunta de Galiza como tal co gallo do centenario da primeira xuntanza en 1916 na Academia Galega, Ora galega está a desenvolver a organización dunha exposición itinerante que levará a 16 puntos do país. 

No concreto, o material --gráfico, documental e audiovisual-- será exposto nun autobús de estilo inglés "con dous andares" e adaptado para tal fin que percorrerá 712 quilómetros en 8 fins de semana. 

O itinerario desenvolverase durante os sábados e domingos e levará a exposición a 16 localidades

O itinerario comezará na cidade da Coruña para continuar por Betanzos, Ferrol, Ortigueira, Viveiro, Ribadeo, Vilalba, Mondoñedo, Lugo, Monforte, Ourense, Ribadavia, Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Lalín, Compostela e, de novo, A Coruña. 

Oito semanas

Arrincará a fin de semana posterior ao Día das Letras Galegas (21 e 22 de maio) e rematará a segunda fin de semana de xullo (9 e 10). A escolla dos distintos puntos da xeografía galega nos que aparcará o autobús respondeu a aquelas localidades que "tiveron Irmandades da Fala, máis ou menos activas", explica Vitor Vaqueiro desde Ora galega en conversa con Sermos Galiza

Desde a organización procuran agora apoios para continuar coa programación de actividades aproveitando a estadía da exposición nos distintos lugares. Até o momento contan coa colaboración da Deputación da Coruña que se implicou de cheo na conmemoración do centenario das Irmandades. Neste senso, están a desenvolver encontros con outras administracións como o Concello de Compostela onde tiveron conversas co alcalde, Martiño Noriega. 

O obxectivo, sinalan desde Ora galega, é "dar a coñecer" a loita das Irmandades e o papel que xogaron na contrución do nacionalismo galego e a defensa de Galiza.