Explotación sexual e mendicidade forzosa lideran os casos oficiais de trata na Galiza

En cinco anos a Galiza rexistrou 12 vítimas de trata con fins de mendicidade forzosa, 31,6% do Estado. (Foto: Nós Diario)
O balance estatístico 2016-2020 sobre trata de persoas elaborado polo Ministerio do Interior recolle un cento de vítimas na Galiza con fins de explotación sexual, laboral e mendicidade.

A trata de seres humanos é unha forma de escravitude profundamente relacionada coa marxinación e a pobreza. Representa, ademais unha violación dos dereitos humanos que afecta, sobre todo, a mulleres e nenas.

As cifras que buscan dar conta desta realidade son escasas. Malia responderen a estudos contrastados e fiábeis, non deixan de mostrar só "unha parte minúscula" do alcance da trata de persoas, que na práctica conta que fins moi diferentes, algúns pouco explorados.

Segundo apunta o informe Radiografía da trata en Andalucía e na Galiza, elaborado pola asociación Accem a partir dos datos estatísticos  recompilados  polo Ministerio do Interior entre 2016 e 2020, publicado a finais de 2021, o traballo desenvolvido en calquera destes dous territorios para coñecer o impacto da trata de seres humanos con outros fins de explotación diferentes ao sexual é moi deficitario.

Nos rexistros oficiais só figura un 5% das vítimas de trata

Tampouco se ten explorado con suficiente interese a situación das persoas viven a trata en función do seu xénero, as consecuencias que sofren ou as necesidades de asistencia e protección que requiren, advirte.

As estatísticas oficiais só recollen os casos denunciados que inician un periplo xudicial. Porén, a experiencia do asociacionismo que traballa ao carón das persoas máis vulnerábeis ou en situación de risco e das mulleres vítimas de violencias machistas achega números moi superiores.

Xa avisa a ONU, nos rexistros oficiais só figura un 5% das vítimas, o que significa que por cada persoa declarada vítima de trata con fins de explotación sexual, de explotación laboral, mendicidade, matrimonios forzados ou actividades delitivas hai outras 20 sen recoñecer.

Vítimas da trata na Galiza

Entre 2016 e 2020, na Galiza rexistráronse un cento de persoas vítimas de trata e explotación. Os datos do Ministerio do Interior neste lustro non dá conta de ningún caso de trata relacionado coa comisión de actividade criminal nin con matrimonios forzosos. Tampouco  coa extracción e o tráfico ilícito de órganos, sen identificar no conxunto do territorio estatal.

 As vítimas de trata e explotación sexual rexistradas na Galiza nese período foron as máis numerosas. As autoridades realizaron entre 2016 e 2020 un total de 620 inspeccións administrativas en lugares onde se exercía a prostitución, durante as cales identificaron 3.310 persoas en risco. Con todo, nas estatísticas oficias figuran 24 persoas vítimas de trata sexual e 39 vítimas de explotación sexual.

Das 38 vítimas de mendicidade identificadas entre 2016 e 2020 en todo o Estado 12 rexistráronse na Galiza en 2018, o que supón 31,6% do total

Polo que se refire á trata con fins de explotación laboral, a Galiza inspeccionou 658 persoas traballadoras en máis de 300 intervencións. Porén só se identificou unha vítima de trata laboral e 19 vítimas de explotación neste ámbito. Desde Accem chaman a non deixarse enganar pola cifras. "Na Galiza si que existe trata con fins de explotación sexual, quizais o número sexa menor que noutros territorios, pero unha vítima en cinco anos é o reflexo de que algo está fallando na loita contra a trata".

Por último, destaca o dato referido á mendicidade forzosa. Das 38 vítimas identificadas entre 2016 e 2020 en todo o Estado 12 rexistráronse na Galiza en 2018, o que supón 31,6% do total.