domingo 24/10/21

Exixen "protección" para as "vítimas de escravismo laboral" no caso de Tordoia

O pasado verán un empresario de Santa Comba foi acusado de reter traballadoras e traballadores en situación irregular aos que cobraba até 2.000 euros por xestionar a súa residencia. A denuncia partiu dunha persoa que conseguiu escapar após unha malleira e ameazas. O empresario pasou 20 días na cadea e agora varios colectivos piden protección contra posíbeis represalias.
O Foro Galego da Inmigración, Rederefuxiadas e a CUT concentráronse onte diante dos Xulgados de Ordes (Nós Diario)
O Foro Galego da Inmigración, Rederefuxiadas e a CUT concentráronse onte diante dos Xulgados de Ordes (Nós Diario)

Unha concentración diante dos xulgados de Ordes evidenciou esta cuarta feira o malestar pola desprotección de varias traballadoras e traballadores que denunciaron ser obxecto de "escravitude laboral" por parte dun empresario de Santa Comba con propiedades agrícolas en Tordoia. Os tres investigados, o propietario e dúas persoas máis, prestaron declaración en sede xudicial mentres no exterior participaban na protesta o Foro Galego de Inmigración, a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas e a CUT.

Explotación e ameazas

A denuncia dun traballador inmigrante deu pé a unha operación policial no verán de 2020 na que se descubría que un empresario local cobraba entre 420 euros e 1.500 euros a persoas estranxeiras coa promesa de "regularizar" a súa situación na Galiza. Esa xestión nunca se chegou a realizar e, ademais, non percibían salario ningún por "traballos agrícolas en condicións de insalubridade e explotación", segundo explica Brais González, avogado da CUT que leva o caso polas vítimas. 

"Contactaba coas vítimas a través dun portal de internet", explica González a Nós Diario, "afirmando logo que conseguiría residencias temporais a cambio de diñeiro". Un deses traballadores desconfiou da promesa e recolleu probas dos pagos e imaxes do traballo que realizaban as nove persoas que, aseguraba, tiña retidas. Segundo explicou á Garda Civil, cando foi descuberto o empresario ameazouno cunha pistola, golpeouno e abandonouno nun monte próximo. 

Vinte días na cadea e liberdade provisional

A investigación posterior rematou cun informe favorábel a conceder ás vítimas medidas eficaces de protección contra a trata, entre as que estaban as autorizacións de residencia e traballo temporais. Tras ser posto a disposición xudicial, o vitimario entraba en prisión provisional. Segundo relatan desde a CUT, A Subdelegación do Goberno español, responsábel da coordinación das policías e da administración de estranxeiría, "non deu nin un só paso efectivo para protexer as vítimas, escudándose en informes da Policía Nacional, que non participou na investigación". 

A Fiscalía, polo seu lado, non compareceu nas declaracións das vítimas en sede xudicial nin se opuxo á posta en liberdade do empresario vinte días despois da súa detención. Fontes da Subdelegación do Goberno español consultadas por Nós Diario aseguran que "o tema está xudicializado" polo que as decisións "son do xulgado". 

O avogado das vítimas sinala que "todo o mundo lle está a dar a culpa ao xulgado e ninguén asume o rol que ten que asumir" polo que pide que "o xulgado tome en serio a situación e cualifique o delito como de trata para que chegue a protección que deben ter as vítimas".  

Unha situación que podería multiplicarse

"A lei de estranxeiría clandestiniza este tipo de casos", asegura González, "e as institucións non o están percibindo", engade. Este avogado pon de manifesto que se coñecen "casos de explotación laboral que aproveitan a situación de clandestinidade das traballadoras e dos traballadores". Nestas circunstancias indica que "o tema é que a xente poida e teña o apoio suficiente para dar a cara e poder denunciar".

Isabel Rei, voceira da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, incide en que "o terríbel é que pode haber moitos máis casos como este e non saber deles pola falta de control que hai por parte das institucións". Coincide co avogado da CUT en non explicarse "a falta de protección que teñen as vítimas", unha circunstancia que "podería sinalar que ás institucións non lles importa esta situación". Unha das súas demandas é "visibilizar máis nos medios de comunicación este tipo de situacións".

comentarios